
Notas á marxe, un proxecto cultural de xornalismo lento, gaña a sétima edición da Bolsa Nacho Mirás
A Bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, recaeu nesta sétima edición en Notas á marxe. Este é un proxecto articulado arredor dun podcast e unha newsletter que parten de produtos literarios para traballar coas súas ideas e promover o pensamento crítico, buscando favorecer a reflexión fronte á simple actualidade nun exercicio de "xornalismo lento", presentado por Belén Rodríguez Teiga e Carmen Novo Castiñeiras.