A Fundación Telefónica publica un manual para combater a desinformación

Como complemento a unha exposición sobre as noticias falsas, a Fundación Telefónica disponibiliza o Manual para combater a desinformación: Claves para un pensamento informado, unha guía que diferencia os distintos tipos de fake news, recomenda distintas pautas para evitar a difusión de loiadas e ofrece ferramentas para unha análise crítica da información. 

A Fundación Telefónica vén de publicar Manual para combater a desinformación: Claves para un pensamento informado, unha guía que busca proporcionar pautas para axudar a diferenciar as noticias falsas da verdade desde o pensamento crítico. O manual foi realizado no cadro da Fake News. La fábrica de mentiras, aberta na Fundación, na que, a través de pezas históricas, obras de artistas contemporáneos e casos de estudio reais, convida a comprender a complexidade do fenómeno da desinformación co obxectivo de identificar os seus distintos tipos, aprender a recoñecelos e combater a súa difusión.

A guía da Fundación Telefónica consta de tres partes diferenciadas. Na primeira diferéncianse sete categorías distintas de fake news, en función da intencionalidade da desinformación e do dano que esta pode causar. Trataríase, de menor a maior perigosidade, da sátira ou parodia, a conexión falsa (cun acompañamento da noticia que non representa o contido), a omisión de contido, o contexto falso, o contido impostor (que suplanta fontes xenuinas), o contido manipulado e o contido directamente fabricado. 

No segundo apartado, ofrécense unha serie de pautas para detectar que unha información é falsa, baseadas no Manual para combater a desinformación do Servizo de Estudos do Parlamento Europeo. En sete fases, a guía convida, para ser un axente activo contra a difusión das loiadas, a comprobar o contido, o medio de comunicación no que se publica, a autoría, as fontes e as imaxes, así como a pensar antes de compartir unha publicación e a cuestionar as ideas propias. 

Por último, a terceira sección do manual ofrece páxinas web e utilidades para combater a desinformación, incluíndo fact-checkers como Efe Verifica, Maldita ou Newtral, ferramentas para detectar vídeos e imaxes modificados ou informacións falsas como Deepfake Lab, Emergent ou Invid, cursos de formación gratuíta como Digital Enquirer Kit e recursos para a busca de información como Google Scholar, Tineye, Wayback Machine ou Whois.

CPXG