Un boletín para unha entidade viva

Saudación de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con motivo do número 1000 do F5, Boletín de Comunicación de Galicia. 

Os e as xornalistas vivimos por e para a información como servicio público, e isto é algo que non podiamos pasar por alto na nosa relación cotiá cos membros desta comunidade de xornalistas que é o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

Van máis de duas décadas dende que a primeira Xunta de Goberno desta institución, que daquela encabezaba Xosé María García Palmeiro, considerou a idea de abrir unha primeira canle na que plasmar, de xeito sinxelo e práctico, o máis fundamental da actividade institucional desenvolvida ao longo da semana polo Colexio, xunto con outros apuntamentos de interese como certames, convocatorias ou ofertas de emprego.

Pasaron máis de vinte anos e o boletín F5 non é (nin dende aquel ano 2002 nin tampouco dende o momento de creación do Colexio) a única canle de comunicación cos colexiados e colexiadas, mais si continúa a ser un recordatorio, ao remate de cada semana, de que formamos parte dunha organización activa e dinámica.

Mil números do Boletín de Comunicación de Galicia ben merecen esta modesta celebración por escrito, co ánimo de seguir a encher de contidos esta canle de comunicación. Porque iso será a mellor demostración de que o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia segue a ser unha entidade viva.

Francisco X. González Sarria
Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia