Estatutos e regulamentos

O CPXG está rexido polos estatutos e regulamentos aprobados no ano 2000 pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Publicación dos estatutos

O Decreto 189/2000, de 29 de xuño, da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, aprobou os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que foron publicados no número 138 do Diario Oficial de Galicia (páxina 10.961 e seguintes) e que rexen a actividade do Colexio.

 

Estes estatutos establecen, atendendo ás sete cidades de Galicia, a existencia doutras tantas demarcacións, órganos consultivos territoriais que se rexen polo seu propio regulamento.

 

Partindo dos propios estatutos, todos os colexiados teñen o amparo da entidade para defender os seus dereitos profesionais e ser atendidos ante situacións de conflito que coarten o libre exercicio da profesión. A tal fin creouse o correspondente regulamento de amparo.

 

Por último, cómpre salientar que a creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia como entidade de dereito público que permitirá ampliar e consolidar o dereito á información e a autoesixencia profesional foi posible logo da aprobación da lei correspondente polo Parlamento Galego, que entrou en vigor o 10 de marzo de 1999.

 

Actualización

 

O sábado 9 de febreiro de 2019, a Asemblea Xeral Ordinaria do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, aprobou por unanimidade a modificación e actualización dos seus Estatutos.

 

DECRETO 61/2020, do 12 de marzo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.

 

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

 

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

 

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996 estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo a estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

 

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

 

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Administración para a súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

En virtude do exposto, verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e tras a deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do doce de marzo de dous mil vinte, dispón:

 

Artigo 1. Obxecto

 

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que figuran como anexo.

 

Artigo 2. Publicación e inscrición

 

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

 

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados polo Decreto 18/2009, do 21 de xaneiro, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

 

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

 

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Santiago de Compostela, doce de marzo de dous mil vinte.

 

(Diario Oficial de Galicia, nº 63, martes 31 de marzo de 2020)

Capítulo I: Disposicións xerais

Artigo 1.- Natureza xurídica

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha corporación de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade para cumprimento dos seus fins, creada pola Lei 2/1999 do Parlamento de Galicia de 24 de febreiro (DOG núm. 47, páxina 2697).

 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia terá personalidade xurídica desde o momento no que entre en vigor a súa Lei de creación e capacidade de obrar desde o momento en que se constitúan os seus órganos de Goberno.

Artigo 2.- Ámbito 

O ámbito de actuación colexial será Galicia.

Artigo 3.- Funcións 

As funcións do Colexio son: 

 

  • a) Afondar na mellora das condicións nas que o conxunto de xornalistas leva a cabo o seu traballo. 
  • b) A defensa profesional dos seus membros e da profesión no seu ámbito de representación, perante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para ser parte en cantos litixios afecten aos intereses profesionais e exercer o dereito de petición consonte á Lei.
  • c) Garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
  • d) Defender, de acordo co artigo 20.1 da Constitución española, o dereito a liberdade de información e de expresión garantidas a toda a cidadanía, así como exercer cantas funcións redunden en protexer os intereses das persoas consumidoras e usuarias dos servizos dos membros do Colexio. 
  • e) Salvagardar a sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos.
  • f) Poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución. 
  • g) De rexistro, levando ao día a relación dos seus membros, con constancia do testemuño auténtico do título cando sexa necesario, a data de alta, o domicilio profesional e o de residencia, e certificando os datos de rexistro por petición das persoas interesadas ou por requirimento das autoridades competentes.
  • h) Dispor na páxina web do acceso ao servizo de portelo único, previsto nos presentes estatutos, para posibilitar que os membros da profesión xornalística poidan realizar todos os trámites necesarios para as altas e baixas de colexiación e o seu exercicio profesional, e ofrecer ás persoas consumidoras e usuarias a información prevista legalmente.
  • i) Atender as solicitudes de información sobre as persoas colexiadas e sobre as sancións firmes que lles sexan impostas.
  • k) Impulsar e desenvolver a mediación, así como realizar funcións de arbitraxe consonte co establecido na lexislación vixente, resolvendo por laudo, a instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos membros do Colexio no exercicio da súa profesión.
  • l) Ostentar a representación que establezan as leis para o cumprimento dos seus fins.
  • m) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas pola Administración e colaborar con ela mediante a relación de estudos, emisión de informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que poidan serlle solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.
  • n) Participar nos Consellos ou Organismos consultivos da Administración en materia de competencia de cada unha das profesións.
  • ñ) Estar representado nos Padroados Universitarios e participar na elaboración dos plans de estudos e informar das normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión xornalística, e manter permanente contacto cos mesmos e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional das novas xeracións de xornalistas.
  • o) Ordenar, no seu ámbito de competencia, a actividade profesional dos seus membros, velando pola ética e dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos das persoas particulares e exercer a facultade disciplinaria na orde profesional e colexial.
  • p) Organizar cursos para a formación, actividades e servizos comúns profesionais para as persoas colexiadas.

 

Todos aqueles puntos que o Colexio crea conveniente para o exercicio da súa función, así como todas as outras funcións previstas na lexislación vixente sobre Colexios profesionais. 

Artigo 4.- Domicilio 

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia estará domiciliado na rúa Ponferrada nº 9, Baixo, Santiago de Compostela. 

Artigo 5.- Lingua Oficial

A lingua propia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é o Galego, tendo en conta a cooficialidade fixada na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia

Capítulo II: Colexiación

Artigo 6.- Requisitos para o ingreso

Son condicións necesarias para obter a colexiación:

 

  • a) Solicitude á Xunta de Goberno, que poderá presentarse por escrito ou por vía telemática.
  • b) Estar en posesión do título de licenciatura ou grao en Xornalismo, para o que habilitan as titulacións correspondentes das facultades de ciencias de información, ciencias de comunicación ou ciencias sociais. Tamén poderán ser membros as persoas cunha licenciatura ou grao en imaxe ou comunicación audiovisual, sempre que acrediten que están a desenvolver labores informativos. Ademais poderán ser membros aquelas persoas que cumpran os requisitos fixados na Lei 2/1999, do 4 de febreiro, de creación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
    O estudantado de Xornalismo que teña superada a metade dos créditos poderá inscribirse no Colexio a modo de pre-colexiación, pero non adquirirán plenos dereitos de membro ata que non obteñan a titulación e soliciten a incorporación. Deberán acreditar a continuidade dos requisitos que os habilitan como persoas pre-colexiadas sempre que o Colexio o requira e, asemade, terán a obriga de notificar no prazo dun mes a baixa de tal condición. Nos termos que se establezan regulamentariamente, terán os dereitos e deberes das persoas colexiadas, pero non o de sufraxio activo ou pasivo para ocupar cargos nos órganos directivos, nin participar nas asembleas do Colexio con voz e voto, nin abonar as cotas colexiais, que so adquirirán cando acrediten a titulación e soliciten a incorporación.
    O exercicio profesional poderá ser conxunto con outras persoas colexiadas, baixo calquera forma prevista nas leis. Se a actividade profesional se desenvolve en forma societaria rexerase polo previsto na Lei de sociedades profesionais e no resto da lexislación.
    As sociedades profesionais inscribiranse no Rexistro de Sociedades Profesionais do CPXG cando teñan o domicilio social no seu ámbito Territorial, ao que deberá pertencer como membro do Colexio polo menos unha das persoas asociadas profesionalmente. Terán os dereitos e deberes dos membros do Colexio as persoas físicas, coas excepcións do dereito electoral e de participación nos órganos colexiais.
  • c) Non ter inhabilitación legal para o exercicio da profesión.
  • d) Non ter unha suspensión no exercicio profesional por sanción disciplinaria colexial firme, durante o tempo da mesma.
  • e) Abonar a cota de incorporación, que non superará os custos asociados á tramitación da inscrición.
  • f) Achegar a documentación acreditativa do título, ben mediante o orixinal ou copia compulsada. De tratarse dun título estranxeiro, achegarase tamén a documentación acreditativa da súa validez en España a efectos profesionais.
  • g) Acreditación da súa identidade, mediante copia do DNI ou pasaporte.

 

Declararanse ou acreditaranse a maiores os datos que deban constar no Rexistro do Colexio.

Artigo 7.- Admisión 

A incorporación de membros do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia será estudada, caso por caso, pola Xunta de Goberno, que resolverá e comunicará por escrito ou por vía telemática á persoa peticionaria a súa decisión. Na solicitude de ingreso, a persoa peticionaria deberá facer constar a Demarcación da que quere formar parte. A admisión non será válida ata ter aboados os dereitos de colexiación e a solicitude caducará automaticamente aos tres meses. 

 

A colexiación será única en todo o territorio nacional de conformidade co art. 3.3 da Lei 2/1974 sobre Colexios profesionais.

Artigo 8.- Denegación 

A incorporación ao Colexio será denegada cando a persoa peticionaria non reúna os requisitos previstos no artigo 6, comunicándollo por escrito ou por vía telemática á persoa peticionaria. 

Artigo 9.- Recursos 

A persoa peticionaria que vexa rexeitada a súa proposta de incorporación poderá presentar recurso potestativo de reposición perante o órgano que ditou a resolución. A devandita resolución terminará a vía administrativa colexial e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10.- Suspensión voluntaria e temporal

Os membros do Colexio poderán solicitar á Xunta de Goberno, motivadamente, a suspensión voluntaria e por un prazo de tempo establecido da súa condición de persoas colexiadas. A suspensión voluntaria supón a perda dos dereitos establecidos nos estatutos pero non a obriga de dar cumprimento aos deberes, a excepción do pagamento das cotas. A persoa colexiada suspendida voluntariamente poderá solicitar o remate da suspensión para recuperar os seus dereitos sen ter que aboar os dereitos de colexiación. O final da suspensión, a partir da data na que se produza, suporá tamén a obriga de aboar de novo as cotas. A renovación da suspensión só poderá concederse mediante unha nova solicitude.

Artigo 11.- Dereitos

Os membros do Colexio Profesional terán os seguintes dereitos:

 

  • a) Defensa dos seus dereitos profesionais diante das autoridades, entidades, empresas.
  • b) Atención por parte da Xunta de Goberno diante dunha situación de conflito que ameace, por calquera razón, a continuidade do exercicio da profesión.
  • c) Elixir ou ser elixido para ocupar cargos nos órganos directivos, de acordo coas condicións que regulan o procedemento electoral.
  • d) Utilizar todos os servizos que establece o Colexio, de acordo coas condicións que fixe o regulamento.
  • e) Utilizar, nos casos que estableza o Colexio, os servizos de asesoramento xurídico para os problemas derivados do exercicio da profesión.
  • f) Ter coñecemento da marcha do Colexio por medio das súas publicacións (follas informativas, boletíns, anuarios, circulares e outros sistemas) así como ter acceso aos rexistros e libros oficiais do Colexio. 
  • g) Participar nas asembleas do Colexio, tanto por iniciativa propia como a convocatoria dos órganos de goberno.
  • h) Presentar nos órganos de goberno escritos de suxestión, petición, queixa ou amparo.
  • i) Ter voz e voto nas asembleas convocadas polo Colexio.

Artigo 12.- Deberes 

Os membros do Colexio teñen os seguintes deberes: 

 

  • Exercer a profesión conforme á ética periodística, ao código deontolóxico publicado na páxina web do Colexio e manter o segredo profesional. 
  • Cumprir todo o que dispoñen os estatutos e as súas normas regulamentarias, así como acatar as resolucións da Xunta de Goberno, das asembleas e do Pleno Territorial, sen prexuízo de poder exercer os recursos pertinentes, en caso de que considere que estas decisións vulneran os estatutos. 
  • Comparecer diante da Xunta de Goberno ou das súas comisións de goberno, sempre que sexan convocados. 
  • Comunicar calquera cambio de dirección ou de condición profesional. 
  • Aboar, dentro dos termos regulamentarios, as cotas que procedan. 

Artigo 13.- Perda da condición de persoa colexiada

A condición de persoa colexiada perderase polas seguintes causas:

 

  • a) Defunción.
  • b) Baixa voluntaria, comunicada por escrito.
  • c) Non estar ao corrente do pagamento das cotas colexiais despois de que lle foran requiridas de forma reiterada. Estar ao corrente dos pagamentos significa ter aboadas a totalidade das cotas polo menos ata o final do ano anterior.
  • d) Como consecuencia de sanción disciplinaria.

Artigo 14.- Réxime disciplinario

O Pleno Territorial poderá impoñer sancións aos membros do Colexio, previa instrución dun expediente disciplinario, cando considere que a súa conduta é constitutiva dunha das faltas sinaladas neste artigo:

 

  • a) Faltas: 
    Serán faltas leves:
    • As accións ou as omisións que revelen neglixencia no cumprimento dos deberes colexiais establecidos neste Estatuto, das normas do Regulamento e dos acordos tomados pola Asemblea, o Pleno Territorial ou pola Xunta de Goberno.
  • Serán faltas graves:
    • As accións ou as omisións que comportan o incumprimento manifesto dos deberes colexiais.
    • As accións ou omisións das que se deriven prexuízos para outros membros da profesión, para a economía ou o prestixio do Colexio ou para a dignidade da profesión xornalística.
    • A reincidencia nun feito sancionado como falta leve. 
  • Serán faltas moi graves:
    • O exercicio do xornalismo cando encubrise deliberadamente unha actividade publicitaria. 
    • A reincidencia nun feito sancionado como falta grave.
    • O incumprimento das normas deontolóxicas do Colexio.
  • b) Sancións:
    As faltas leves poderán ser sancionadas cunha amoestación privada feita persoalmente polo Decano ou Decana ou cunha advertencia escrita da que quedará constancia no expediente da persoa colexiada. 
    As faltas graves poderán ser sancionadas cunha amoestación pública interna ou suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por un período de tempo non superior a un ano. 
    As faltas moi graves poderán ser sancionadas coa suspensión do exercicio dos dereitos colexiais por un período de tempo superior a un ano e non superior a cinco anos e, no caso de reincidencia, poderá chegarse ao remate da súa condición de persoa colexiada e á expulsión do Colexio. 
  • c) Prescrición:
    As faltas leves prescribirán ao cabo dun mes de ser cometidas ou desde que se ten coñecemento da súa comisión, as graves ao cabo de tres meses e as moi graves ao cabo dun ano.
    As sancións impostas por infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por infraccións graves, aos dous anos; e as impostas por infraccións leves, aos seis meses. O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que teña quedado firme o acordo sancionador.
  • d) Garantías: 
    Non se poderán impoñer os tipos de sanción indicados sen audiencia previa da persoa interesada.
    O procedemento disciplinario iniciarase sempre de oficio, por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, ou ben como consecuencia dunha denuncia ou dunha comunicación non anónima. O Decano ou Decana, de acordo co Pleno Territorial, designará unha persoa ou unha Comisión instrutora do expediente. O órgano instrutor poderá acordar a práctica de dilixencias previas para abrir o expediente propiamente dito.
    Na tramitación do expediente respectaranse en todo momento os principios de dereito administrativo, especialmente no que se refire á audiencia das persoas implicadas.
    A resolución final do expediente deberá ser escrita e motivada e será comunicada á persoa interesada.
    Se a persoa presuntamente infractora fose membro do Pleno Territorial, non tomará parte nas deliberacións nin votacións do Pleno sobre o seu caso.

Artigo 15.- Deber de inscrición e comunicación

O Colexio profesional comunicará á Consellería competente en materia de Colexios profesionais os Estatutos aprobados, así como as súas modificacións para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, e inscrición no rexistro de Colexios.

Artigo 16.- Servizo de atención aos membros do Colexio e ás persoas consumidoras ou usuarias

  1. O Colexio atenderá as queixas ou reclamacións presentadas polas persoas colexiadas. 
  2. Así mesmo, o Colexio disporá dun servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias que tramitará e resolverá cantas queixas, solicitudes e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos membros do Colexio presentase calquera persoa consumidora ou usuaria afectada polos servizos profesionais, así como asociacións e organizacións de persoas consumidoras e usuarias na súa representación ou en defensa dos seus intereses. 
  3. O Colexio, a través deste servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias, resolverá as queixas ou reclamacións segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitindo o expediente aos órganos colexiais competentes para instruíren os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión conforme dereito, incluído o seu traslado ao Colexio profesional Territorialmente competente.
  4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia a través da web do Colexio, ou no domicilio do Colexio, onde existirán formularios tipo para a súa presentación.

Capítulo III: Órganos

Artigo 17.- Organización

Os órganos do Colexio son: a) Órgano Presidencial: Decano ou Decana, b) Órgano de Goberno: Xunta de Goberno, c) Órgano Plenario: Asemblea Xeral, d) Pleno Territorial: Representantes das Demarcacións Territoriais e a Xunta de Goberno. Son órganos consultivos territoriais as asembleas de Demarcación.

 

A elección dos membros do Órgano de Goberno farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto. O voto deberá exercitarse persoalmente ou por correo.

Artigo 18.- Demarcación

O Colexio terá as seguintes Demarcacións: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

Artigo 19.- A Xunta de Goberno, a Asemblea xeral e o Pleno Territorial 

A Xunta de Goberno está constituída polo Decano ou Decana, dunha a tres Vicedecanas ou Vicedecanos, a Secretaría, a Tesouraría e un número de vogais mínimo de catro e máximo de dez. A Xunta de Goberno tomará decisións na presenza do Decanato e a Secretaría, ou, de ser o caso, daquelas persoas que os substitúan, e de cando menos a metade dos seus membros.

 

As vacantes que se produzan serán cubertas ata fin de mandato, polas persoas suplentes que ata un máximo de cinco puideran figurar na candidatura segundo a orde de prelación establecida na mesma. Será a Xunta de Goberno quen elixirá entre os seus membros a persoa substituta para o cargo vacante, coa excepción do Decano ou Decana que será substituído polo Vicedecano ou Vicedecana 1ª.

 

Cando se produza a vacante da metade ou mais dos seus membros, procederase á convocatoria de eleccións para a súa provisión polo resto de mandato que quedase. Da mesma forma, complementarase a Xunta de Goberno cando se producise un número de vacantes que, a consideración dos restantes membros da Xunta de Goberno, impida o normal funcionamento do Colexio.

 

Cando, por calquera causa, queden vacantes a totalidade dos cargos da Xunta de Goberno, designarase unha Xunta provisional de entre os membros máis antigos do Colexio. A Xunta provisional convocará, no prazo de trinta días naturais, eleccións para unha nova Xunta de Goberno, que deberán celebrarse dentro dos trinta días naturais seguintes, contados a partir da convocatoria. 

 

O Pleno Territorial está composto pola Xunta de Goberno e dúas persoas representantes de cada unha das sete Demarcacións. Cada Demarcación contará cunha persoa representante máis por cada 100 persoas colexiadas que teñan adscritas. 

 

A Asemblea Xeral está composta por todas as persoas colexiadas.

Artigo 20.- Funcións da Xunta de Goberno e dos seus membros

Son funcións exclusivas da Xunta de Goberno: 

  • a) A dirección, a administración e o goberno do Colexio.
  • b) Cumprir e facer cumprir os acordos da Asemblea xeral e do Pleno Territorial.
  • c) Resolver sobre a admisión e baixa de xornalistas e sociedades que desexen incorporarse ao CPXG mediante a colexiación.
  • d) Aprobar normas para o desenvolvemento destes Estatutos e dos regulamentos orgánicos.
  • e) Convocar eleccións para a provisión de todos os órganos colexiais e proclamar as candidaturas.
  • f) Acordar a convocatoria das Asembleas Xerais ordinarias e extraordinarias e fixar a correspondente orde do día
  • g) Coordinar e inspeccionar o funcionamento de todos os órganos colexiais para que cumpran a normativa aplicable e os acordos colexiais, así como arbitrar as controversias que puideren xurdir entre eles.
  • h) Elaborar e dar a coñecer á Asemblea Xeral a memoria anual de actividades que recolla a xestión de todos os organismos e comisións do CPXG e os acontecementos de maior relevancia na vida profesional, que conterá, como mínimo, a información legalmente esixida á que fai referencia o artigo 39 destes estatutos.
  • i) Redactar os orzamentos e as contas anuais para o seu sometemento á Asemblea Xeral.
  • k) Resolver as queixas presentadas polas persoas colexiadas ou consumidoras e usuarias perante o servizo de atención a membros do Colexio e a persoas consumidoras e usuarias.
  • l) Dar apoio aos membros do Colexio nas súas xustas aspiracións profesionais e delegar a realización das actividades que considere oportunas. 

 

Todos os acordos deben ser tomados por maioría. En caso de producirse empate, o voto do Decano ou Decana será dirimente. 

 

Corresponde ao Decano ou Decana, a representación legal do Colexio; convocar e presidir as sesións da Asemblea xeral e da Xunta de Goberno e do Pleno Territorial e presidir as asembleas de Demarcación ás que asista, velar polo cumprimento dos acordos do Órgano plenario, da Xunta de Goberno e do Pleno Territorial, fixar a orde do día; autorizar os pagamentos e visar as actas das sesións. 

 

Corresponde aos Vicedecanos ou Vicedecanas, substituír ao Decano ou Decana en caso de dimisión, cesamento, enfermidade ou incapacidade para asumir as súas obrigas, seguindo a orde de prelación establecida na candidatura electoral. Tamén substitúe ao Decano ou Decana por delegación cando este o considere conveniente. 

 

Corresponde á Secretaría, formada polo secretario ou secretaria, redactar as actas e autorizalas coa súa sinatura, recollendo o visado do Decano ou Decana; cumprir os acordos da Xunta de Goberno, Asemblea Xeral e do Pleno Territorial; custodiar os documentos do Colexio; preparar, de acordo co Decano ou Decana, a orde do día das reunións, levar ao día o libro de rexistro da correspondencia e controlar o rexistro das persoas colexiadas. 

 

Corresponde á Tesouraría, formada pola tesoureira ou tesoureiro: custodiar o patrimonio do Colexio; elaborar os anteproxectos de orzamentos; dirixir a contabilidade; estender e asinar os recibos dos ingresos que teña a entidade, cobrar as cotas das persoas colexiadas así como efectuar os pagamentos acordados. 

 

Os e as vogais, pola orde de elección, substitúen cando proceda por ausencia a Secretaría ou a Tesouraría. Contribúen coa súa voz e o seu voto ao traballo e decisións da Xunta de Goberno e cumpren as funcións que aquela lles encomende. 

Artigo 21.- Funcións do Pleno Territorial

Son funcións do Pleno Territorial aprobar os orzamentos e contas anuais que se someterán á Asemblea Xeral, propoñer actividades e trasladar as suxestións das asembleas de Demarcación e todas as previstas expresamente nestes estatutos. 

Artigo 22.- Periodicidade e organización das reunións

  • a) A Xunta de Goberno reunirase unha vez ao mes en sesión ordinaria, como mínimo, e tantas veces como se considere necesario por disposición do Decano ou Decana ou a petición da metade dos seus membros. As persoas integrantes da Xunta de Goberno serán convocadas a sesión ordinaria pola Secretaría, por disposición do Decano ou Decana, como mínimo 72 horas antes, e coa orde do día. Chegada a hora e o día, a Xunta de Goberno comezará a sesión se se encontran presentes o Decano ou Decana e a Secretaría, ou, de ser o caso, aquelas persoas que os substitúan, e polo menos a metade dos seus membros. En caso de urxencia, poderase facer unha convocatoria da Xunta de Goberno extraordinaria, con só 24 horas de antelación.
    A asistencia á Xunta poderá ser presencial ou por medios telemáticos, coa condición de que se asegure por medios electrónicos, a identidade dos membros, o contido das súas manifestacións, o momento no que se produzan, así como a interactividade e intercomunicación entre eles en tempo real e a dispoñibilidade dos medios durante a reunión. Entre outros, consideraranse incluídos entre os medios electrónicos válidos o correo electrónico, as audioconferencias e as vídeoconferencias.
  • b) O Pleno Territorial reunirase, polo menos, cada tres meses, cando o considere o Decano ou Decana ou a petición da terceira parte dos seus membros. Cando un membro da dirección non asistise ás reunións cinco veces consecutivas ou dez intermitentes sen xustificación suficiente poderá ser destituído do cargo.
  • c) Se pola causa anterior ou por calquera outra se producise unha vacante nos Vicedecanos ou Vicedecanas, na Secretaría ou na Tesouraría, o Órgano de Goberno designará un ou unha vogal para ocupar o cargo provisionalmente, ata a asemblea seguinte. A Tesouraría saínte deberá presentar balance ao Órgano de Goberno. Se causase baixa a metade da Xunta de Goberno, convocarase unha Asemblea Extraordinaria para as eleccións parciais dos cargos vacantes. Se as baixas son representantes de Demarcación, deberán convocarse as asembleas de Demarcación correspondentes. 
  • d) As persoas integrantes do Pleno Territorial serán convocadas a sesión ordinaria pola Secretaría, por disposición do Decano ou Decana, como mínimo 72 horas antes, e con orde do día. Chegada a hora e o día o Pleno Territorial comezará a sesión se se encontran presentes a metade máis un dos membros. En caso contrario, o Pleno Territorial reunirase media hora máis tarde, coa obrigatoria presenza do Decano ou Decana e a Secretaría ou as persoas que os substitúan, e tomará acordos validamente en presenza dun terzo dos seus membros. En caso de urxencia, poderase facer unha convocatoria de Xunta extraordinaria con 24 horas de antelación na comunicación da convocatoria. 
  • e) A Xunta de Goberno é solidariamente responsable de todos os actos de xestión. Esta responsabilidade remata aos tres meses de abandonar as súas funcións. No caso da Tesouraría, a súa responsabilidade cesa despois de pasar os seus documentos e datos en debida forma á Tesouraría entrante, así como a contabilidade pechada, e debe render contas na primeira Asemblea Xeral seguinte á liquidación das contas do seu período. 
  • f) Os acordos de todos os órganos colexiados tomaranse por maioría de votos emitidos, menos nos supostos nos que estes estatutos esixan quórum especial. En ningún caso será delegable o voto.

Artigo 23.- Asemblea Xeral Ordinaria 

A Asemblea Xeral ordinaria celebrarase unha vez ao ano. A Xunta de Goberno dará conta da súa xestión e do movemento económico, así como dos orzamentos do Colexio para ese ano. A Asemblea Xeral quedará constituída e poderá tomar acordos, coa obrigatoria presenza do Decano ou Decana e a Secretaría ou as persoas que os substitúan, coa asistencia da metade máis un das persoas colexiadas na primeira convocatoria, e coa asistencia das presentes en segunda convocatoria, que se celebrará media hora máis tarde o mesmo día, e a asemblea tomará os acordos pertinentes, que serán adoptados por maioría. A votación será directa e terá que ser secreta por solicitude de calquera das persoas participantes. 

 

A Xunta de Goberno convocará aos membros do Colexio á Asemblea Xeral Ordinaria por escrito e con, cando menos, 20 días naturais de antelación á celebración desta. 

 

Cando a asemblea teña por obxecto o voto de censura ao Decano ou Decana, á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros, requirirá a asistencia da metade máis un das persoas colexiadas, a solicitude da súa inclusión na orde do día requirirá a sinatura dun mínimo do 25 por cento dos membros do Colexio, incorporados cando menos con tres meses de antelación, e expresará con claridade as razóns que o fundamentan, tomándose os acordos por maioría absoluta das persoas presentes. 

Artigo 24.- Asemblea Xeral Extraordinaria 

A Asemblea Xeral Extraordinaria poderase celebrar cando a Xunta de Goberno o considere conveniente ou cando o pida un 20 por cento dos membros do Colexio, por escrito ao Decanato explicando o motivo da petición. A Asemblea Xeral Extraordinaria deberá celebrarse nun prazo máximo de dous meses. 

 

Quedará validamente constituída e poderá tomar acordos coa asistencia da metade máis un das persoas colexiadas na primeira convocatoria, e coa asistencia das presentes en segunda convocatoria, entre as que terán que estar, en todo caso, o Decano ou Decana e a Secretaría ou as persoas que os substitúan, que se celebrará media hora máis tarde o mesmo día, e a asemblea tomará os acordos pertinentes, que serán adoptados por maioría. A votación será directa e terá que ser secreta por solicitude de calquera das persoas participantes. 

 

O Órgano de Goberno convocará as persoas colexiadas á Asemblea Xeral Extraordinaria por escrito e con, cando menos, quince días naturais de antelación á celebración desta. 

 

Cando a Asemblea teña por obxecto o voto de censura ao Decanato, á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros, requirirá a asistencia da metade máis un das persoas colexiadas, a solicitude da súa inclusión na orde do día requirirá a sinatura dun mínimo do 25 por cento dos membros do Colexio, incorporados cando menos con tres meses de antelación e expresará con claridade as razóns que o fundamentan, tomándose os acordos por maioría absoluta das persoas presentes.

Artigo 25.- Competencias exclusivas da Asemblea Xeral 

Son competencias exclusivas do Asemblea Xeral:

 

  1. A aprobación e reforma dos estatutos e das normas deontolóxicas do Colexio.
  2. A elección dos cargos da Xunta de Goberno e do Decano ou Decana e a súa remoción por medio de moción de censura.
  3. A aprobación dos presupostos e das contas do Colexio.
  4. A aprobación da xestión do órgano de Goberno e do seu Decano ou Decana.
  5. Autorizarlle á Xunta de Goberno o alleamento de bens inmobles da Corporación.

Capítulo IV: Órganos territoriais

Artigo 26.- Asembleas de Demarcación

As Asembleas de Demarcación estarán compostas polos membros do Colexio inscritos en cada Demarcación e polo Decano ou Decana do Colexio. Reuniranse por decisión da Xunta de Goberno, a petición das persoas representantes da Demarcación no Pleno Territorial, ou por solicitude formulada por escrito e dirixida á Xunta de Goberno do 20 por cento dos membros do Colexio inscritos na Demarcación.

 

Corresponde ás Asembleas de Demarcación:

 

  • a) Elixir as persoas que as representen no Pleno Territorial.
  • b) Debater os problemas, peticións e propostas das persoas colexiadas da Demarcación. As persoas representantes da Demarcación trasladarán os acordos que se adopten na Asemblea de Demarcación ao Pleno Territorial.

Capítulo V: Do réxime dos actos colexiais e da súa impugnación

Artigo 27.- Dereito aplicable 

  1. Os acordos que adopten a Xunta de Goberno, o Pleno Territorial ou a Asemblea Xeral en exercicio das súas potestades administrativas estarán sometidos ao dereito administrativo. Os actos que lle poñan fin á vía administrativa serán inmediatamente executivos, salvante que o propio acordo, ou a norma que habilite a súa adopción, establezan expresamente outra cousa ou que se trate de materia disciplinaria. 
  2. Aqueles acordos que non se adopten en exercicio de funcións administrativas estarán sometidos á lexislación que corresponda e poderán ser obxecto de impugnación ou reclamación, así como da esixencia das responsabilidades que da súa propia natureza poidan derivarse ante a xurisdición competente.
  3. As actuacións, acordos, decisións e recomendacións do Colexio respectarán os límites establecidos na Lei de Defensa da Competencia.

Artigo 28.- Notificación e a súa práctica 

  1. Deberán notificarse persoalmente a cada persoa colexiada aqueles acordos que lle afecten de forma individual, directa e persoalmente. 
  2. A notificación deberá efectuarse no seu domicilio profesional por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción, data, identidade da persoa perceptora e contido íntegro da resolución, e haberá de conter a expresión dos recursos procedentes. 
  3. Se a notificación persoal non puidese practicarse, poderá levarse a cabo en calquera das formas previstas na vixente lexislación, ou de non ser iso posible, mediante o portelo único do Colexio.
  4. Aos acordos de interese xeral daráselles publicidade mediante a súa inserción no boletín do Colexio ou por circular. 

Artigo 29.- Recursos

Contra os acordos definitivos adoptados pola Xunta de Goberno ou pola Asemblea Xeral suxeitos ao dereito administrativo caberá interpoñer Recurso Potestativo de Reposición perante o mesmo órgano que ditou a resolución, cuxa resolución poñerá fin á vía administrativa e quedará expedita a contencioso-administrativa.

Capítulo VI: Recursos económicos

Artigo 30.- Recursos ordinarios

Son recursos ordinarios do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia: 

 

  • Os rendementos económicos que produzan os bens e dereitos que integren o patrimonio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. 
  • Os dereitos de colexiación, que se limitarán aos custos asociados á tramitación da inscrición. 
  • Os dereitos de expedición de certificados e carnés. 
  • Os dereitos pola elaboración remunerada de informes, ditames, estudos e outros servizos realizados ou prestados polos órganos centrais. 
  • A cota fixa das persoas colexiadas e as cotas extraordinarias que se poidan establecer. 
  • Os complementos específicos de cota que se establezan en contraprestación de servizos determinados aos membros do Colexio. 
  • Calquera outro concepto legalmente establecido. 

Artigo 31.- Recursos extraordinarios

Son recursos extraordinarios que corresponderán aos órganos centrais:

 

  • a) As subvencións, os donativos, as herdanzas e os legados dos que o Colexio puidera beneficiarse. 
  • b) O produto do alleamento dos bens do patrimonio do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. 
  • c) As cantidades que corresponda percibir ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia cando administre, en función dun encargo temporal ou perpetuo, bens ou rendas determinadas. 
  • d) Calquera outro que legalmente se estableza. 

 

A contía das cotas fixas percibidas periodicamente será fixada pola Xunta de Goberno e ratificada pola Asemblea Xeral. As cotas extraordinarias tamén teñen que ser aprobadas pola Asemblea Xeral.

Artigo 32.- Persoal do Colexio

O Pleno Territorial  contrata o persoal, administrativo ou xeral, e asígnalle as súas funcións.

Capítulo VII: Eleccións

Artigo 33.- Procedemento e Réxime Xeral

Convocaranse eleccións cada catro anos para elixir o Decano ou Decana e os cargos da Xunta de Goberno e do Pleno Territorial segundo o establecido no regulamento de réxime electoral.

 

A duración de todos os cargos será de catro anos. Todos os cargos serán reelixibles indefinidamente coa excepción do Decano ou Decana, que non poderá superar os dous mandatos consecutivos.

 

Todo aquilo que non estea expresamente establecido no presente Capítulo VII rexerase polo Regulamento específico establecido na convocatoria electoral.

Artigo 34.- Elixibilidade e condición de persoa electora

Terán condición de persoas electoras e elixibles todos os membros do Colexio de pleno dereito cunha antigüidade mínima de tres meses no momento de seren convocadas as eleccións e que estean ao día das súas obrigas colexiais, mesmo das económicas.

 

Os cargos elixidos non percibirán retribucións, pero non suporán custos ás persoas que os exerzan.

Artigo 35.- Convocatoria de eleccións

  • A convocatoria de eleccións será realizada polo Pleno Territorial con dous meses de antelación ao día sinalado para a súa celebración.
  • O cómputo dos prazos entenderase por días naturais.
  • No termo dos cinco días seguintes á data da convocatoria, a Secretaría deberá expoñer de forma pública na sede do Colexio a convocatoria electoral, na que se fará constar:
  • Os cargos que son obxecto de elección e os seus requisitos.
  • O calendario do proceso electoral.
  • O censo de persoas colexiadas que cumpren as condicións previstas no artigo 6, así como o procedemento e prazos de reclamación.
  • Os lugares e horas de votación.
  • O procedemento e prazos para o voto por correo.
  • O Procedemento e a data de constitución dunha nova Xunta de Goberno e do Pleno Territorial

Artigo 36.- Presentación e proclamación de candidaturas

As candidaturas presentaranse ante a Xunta de Goberno coa sinatura e autorización expresa de todas as persoas que as integren.

 

O prazo de presentación de candidaturas ante a Xunta de Goberno rematará polo menos 20 días antes da data fixada para a celebración das eleccións.

 

A Xunta de Goberno revisará as candidaturas para establecer se cumpren as condicións esixidas. Despois dun prazo de cinco días para realizar reclamacións, proclamaraas de xeito provisional.

 

As reclamacións deberán ser resoltas polo Pleno Territorial.

 

No suposto de que sexa presentada e proclamada unha soa candidatura, esta será elixida nova Xunta de Goberno sen necesidade de realizar a votación, dando por rematado o procedemento electoral. O mesmo criterio será de aplicación no caso da elección das persoas representantes de Demarcación.

Artigo 37.- Desenvolvemento das eleccións

O día das eleccións constituirase unha mesa electoral na Demarcación con máis membros, que permanecerá aberta entre catro e oito horas, segundo o disposto na convocatoria electoral. A composición da mesa será dunha persoa que exerza a Presidencia e dúas persoas que exerzan como vogais, elixidas por sorteo de entre os membros da Demarcación correspondente, de acordo co procedemento e prazo establecido na convocatoria.

 

A votación levarase a cabo mediante sufraxio directo e secreto. Cada persoa colexiada deberá acreditar a súa identidade antes de depositar o voto. As candidaturas poderán acreditar persoas interventoras que vixíen o proceso electoral de acordo co procedemento establecido no regulamento de réxime electoral.

 

Unha vez rematado o prazo de votación, e despois de introducir na urna o voto por correo, a mesa organizará o escrutinio, que deberá ser público. 

 

O escrutinio deberá facerse en directo e a viva voz, extraendo as papeletas e dando lectura a cada un dos votos depositados.

 

A presidencia e vogais da mesa electoral certificarán o resultado.

 

Aquela candidatura que consiga a maioría simple dos votos emitidos será proclamada nova Xunta de Goberno e representantes das súas respectivas Demarcacións.

Artigo 38.- Honores 

A Xunta de Goberno poderá crear os premios, honores e distincións que considere oportunos de acordo cos fins que orientan o proceder da institución.

Capítulo VIII: Auditoría e memoria anual

Artigo 39.-Auditoría 

  1. A Xunta de Goberno poderá nomear un auditor de contas para a verificación da contabilidade. 
  2. De non haber auditor nomeado, por petición subscrita polo dez por cento da totalidade dos colexiados, a Xunta de Goberno deberá proceder ao nomeamento dun auditor para que, con cargo aos fondos colexiais, efectúe a revisión das contas do exercicio anterior. A dita solicitude deberá presentarse dentro do mes seguinte á data de cerre de exercicio obxecto da revisión. 
  3. A Xunta de Goberno ordenará realizar auditorías para a verificación da contabilidade cando se produza novación ordinaria, total ou parcial do seus órganos de goberno, sen prexuízo da función fiscalizadora que lle corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para isto. 

Artigo 40.- Memoria Anual

  1. O CPXG está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión e para tal efecto elaborará unha memoria anual que conterá como mínimo a información seguinte: 
    • a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente desagregados e especificando as retribucións dos membros da Xunta de Goberno en razón do seu cargo. 
    • b) Importe das cotas aplicables desagregadas por concepto e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación. 
    • c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou firmes, con indicación da infracción a que se refiran, da súa tramitación e, se for o caso, a sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal. 
    • d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polas persoas consumidoras e usuarias ou as súas asociacións representativas, a súa tramitación e, se for o caso, dos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal. 
    • e) Os cambios no contido dos códigos deontolóxicos en caso de dispor deles. 
  2. A memoria anual farase pública na páxina web do CPXG no primeiro semestre de cada ano.

Capítulo IX: Transparencia

Artigo 41.- Portelo único

  1. O CPXG disporá dunha páxina web para que, a través do portelo único, o conxunto de xornalistas poida realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a baixa no Colexio, a través dun punto único, por vía electrónica e a distancia.  A través deste portelo único, o conxunto de xornalistas poderá, de forma gratuíta: 
    • a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio. 
    • b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación. 
    • c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña a condición de persoa interesada e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución dos mesmos polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios. 
    • d) Convocar as persoas colexiadas ás Asembleas Xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do Colexio. 
  2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, o CPXG ofrecerá a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta: 
    • a) O acceso ao Rexistro de membros do Colexio, que estará permanentemente actualizado e no cal constará, polo menos, os datos seguintes: o nome e apelidos das persoas profesionais colexiadas, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, a dirección profesional e a situación de habilitación profesional. 
    • b) O acceso ao Rexistro de sociedades profesionais, que terá o contido descrito na Lei de sociedades profesionais. 
    • c) As vías de reclamación e os recursos que poderán interpoñerse en caso de conflito entre unha persoa colexiada e unha destinataria do servizo profesional.
    • d) Os datos das asociacións ou organizacións de persoas consumidoras e usuarias ás que as persoas destinatarias dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia. 
    • e) O contido do código deontolóxico.

Capítulo X: Disolución e liquidación

Artigo 42.- Disolución e liquidación

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia poderase disolver e extinguir por acordo dos 3/4 das persoas que o integren, acordado en Asemblea xeral extraordinaria convocada para o efecto. 

 

O acordo que o declare expresará o que corresponde en relación coa liquidación do seu patrimonio, a sucesión dos seus dereitos e obrigas, da súa personalidade e a extinción ou cesión das súas potestades e competencias administrativas. 

Artigo 43.- Destino dos bens en caso de disolución 

En caso de disolución do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, será nomeada unha comisión liquidadora quen, supoñendo que queden bens ou valores sobrantes despois de satisfacer as débedas, adxudicaraos ao organismo ou organismos que o substitúan ou ás entidades sen ánimo de lucro, benéficas ou sociais xornalísticas dentro do seu ámbito Territorial, e procederá a vender o patrimonio resultante para distribuílo da forma descrita.

Os regulamentos

Neste apartado poden consultar os diferentes regulamentos referentes ao Colexio de Xornalistas. Por unha banda, o regulamento de constitución e de funcionamento das Asembleas de Demarcación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo). Asímesmo, está dispoñible para a súa consulta o regulamento de amparo dos xornalistas.

Regulamento das Demarcacións

Regulamento de constitución e de funcionamento das Asembleas de Demarcación do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

I. Preámbulo

  1. As demarcacións do Colexio, de acordo co artigo 18 dos Estatutos, son: A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
  2. As Asembleas de Demarcación do Colexio, de acordo co artigo 17 dos Estatutos, son órganos consultivos territoriais.
  3. As Asembleas de Demarcación, de acordo co artigo 26 dos estatutos, estarán compostas polos colexiados inscritos en cada Demarcación e polo Decano do Colexio. Reuniranse por decisión da Xunta de Goberno, a petición dos seus representantes no Pleno Territorial ou por solicitude formulada por escrito e dirixida á Xunta de Goberno do 20 por cento dos colexiados inscritos na demarcación.
  4. Correspóndelles ás Asembleas de Demarcación, de acordo co artigo 26 dos Estatutos: a) Elixir os seus representantes no Pleno Territorial. b) Debater os problemas, peticións e propostas dos colexiados da Demarcación. Os seus representantes trasladarán os acordos que se adopten na Asemblea de Demarcación ó Pleno Territorial.

II. Eleccións

  1. A Xunta de Goberno convocará as eleccións para renovar os representantes de demarcación no pleno territorial transcorridos catro anos desde a súa designación anterior. Tamén poderá facelo antes se así o solicitan estes representantes.
  2. A Xunta de Goberno pechará o censo de cada Asemblea un mes antes da súa celebración.
  3. A Xunta de Goberno convocará a Asemblea cunha antelación mínima de vinte días. A convocatoria, de acordo co previsto nos Estatutos, fixará o número de representantes no Pleno Territorial que lle corresponde a cada Demarcación, o prazo e o procedemento de presentación de candidaturas, e a hora de comezo e peche das votacións.
  4. As candidaturas serán pechadas, estarán autorizadas pola sinatura de tódolos seus membros e poderán conter tantos nomes como postos a cubrir.
  5. O prazo de presentación das candidaturas comezará dúas semanas antes da celebración da Asemblea e durará sete días. Concluído este prazo, a Xunta de Goberno as fará públicas e abrirá un prazo de 48 horas para a presentación de reclamacións, concluído o cal, disporá doutras 48 horas para a proclamación. Se só houbese unha única candidatura, os seus integrantes quedarán automaticamente elixidos como representantes de Demarcación no Pleno Territorial, tal e como establece o artigo 36 dos Estatutos.
  6. Se houbese dúas ou máis candidaturas, a Xunta de Goberno sorteará en convocatoria pública os nomes dos integrantes da mesa ou mesas de votación de cada Asemblea e decidirá o lugar da votación.
  7. A Xunta de Goberno, ou unha representación dos seus membros, constituirá as mesas e atenderá as reclamacións que se presenten durante a votación.
  8. Concluídas as votacións, a Xunta de Goberno procederá ó escrutinio público. O candidato ou candidatos máis votados serán proclamados representantes da Demarcación no Pleno Territorial.

III. Convocatorias ordinarias

  1. As Asembleas de Demarcación ordinarias estarán presididas polo Decano. Na mesa estarán presentes tamén o Secretario e os representantes da Demarcación.
  2. A convocatoria das Asembleas de Demarcación incluirá a orde do día e farase cunha antelación mínima de quince días.
  3. A orde do día terá en conta o carácter consultivo das Asembleas e as competencias que lles atribúen os Estatutos á hora de debate-los problemas, peticións e propostas dos colexiados da Demarcación para o seu traslado ó Pleno Territorial ou á Xunta de Goberno do Colexio.
  4. Nin as Asembleas de Demarcación nin os seus representantes poden facer pronunciamentos públicos salvo delegación expresa e para un fin concreto por parte da Xunta de Goberno.

Regulamento de amparo

Regulamento de amparo do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (3/5/00)

I. Obxecto

1. De acordo co artigo 11 dos Estatutos, tódolos colexiados teñen dereito a solicitar o amparo da Xunta de Goberno para:

  1. Defender os seus dereitos profesionais diante das autoridades, entidades, empresas e particulares.
  2. Ser atendido diante duna situación de conflicto que ameace, por calquera razón, a continuidade do seu exercicio profesional.

De acordo co artigo 3 dos Estatutos, a Xunta de Goberno ten obriga de: 

  1. Afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo os seus traballos
  2. Defender profesionalmente ós seus membros. 
  3. Garantir a independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.
  4. Salvagardar á sociedade de informacións que tendan a deformar voluntariamente a realidade dos feitos. 
  5. Poñer especial acento na defensa do segredo profesional e na aplicación da cláusula de conciencia, como tamén recolle a Constitución.

II. Procedemento

3. A solicitude de amparo deberá presentarse asinada e por escrito, facendo constar unha exposición detallada dos feitos obxecto de controversia, así como a demanda concreta que se fai chegar á Xunta de Goberno. O solicitante, que terá que ser necesariamente parte implicada, tamén poderá engadir calquera outra información, documento ou testemuña que considera de interese.

4. A Xunta de Goberno, na primeira reunión que celebre dende a data de entrada da solicitude no rexistro, deberá decidir se admite ou rexeita o seu trámite, tendo en conta os punto 1 e 2 do presente regulamento así como os artigos 18 e 19 dos Estatutos, segundo os cales só poderá tomar decisións en presencia da metade dos seus membros e tódolos seus acordos deben ser tomados por maioría. En caso de producirse empate, o voto do Decano será dirimente.

5. Se a solicitude non é admitida a trámite, a secretaría do Colexio comunicarallo inmediatamente de forma razoada e por escrito ó asinante ou asinantes, quen disporá ou disporán dun prazo duna semana a partir da data de comunicación para interpoñer o recurso potestativo de reposición, onde poderá solicitar que se incorpore ao expediente un informe do Pleno Territorial non vinculante, que será emitido na primeira reunión do Pleno Territorial dende a súa solicitude.

6. O Xunta de Goberno resolverá o recurso na primeira reunión que se celebrará dende a data da súa de entrada no rexistro, ben do recurso potestativo de reposición, ou ben do informe do Pleno Territorial se foi solicitado polo recorrente. Se por maioría dos seus membros presentes e de acordo co disposto no artigo 21 dos Estatutos, acepta o recurso, a Xunta de Goberno deberá admitir a solicitude de amparo nesa mesma reunión e proceder inmediatamente á súa tramitación.

 

III. Tramitación

7. Cando unha solicitude de amparo sexa admitida, a Xunta de Goberno deberá nomear, de entre os seus membros, un instructor do expediente. Para elo dará preferencia en primeiro lugar ós membros da Xunta máis afastados do ámbito profesional relacionado co caso sobre aqueles máis próximos e, en segundo lugar, ós que desenvolvan o seu labor profesional en medios diferentes do que estea relacionado coa solicitude.

8. O instructor do expediente deberá dar audiencia ás partes implicadas e, no prazo máximo de quince días a partires do seu nomeamento, elaborar un informe de conclusións e unha proposta de resolución.

9. A Xunta de Goberno deberá debate-lo contido do informe no prazo máximo dunha semana a partires da súa conclusión e aprobar unha resolución que será comunicada inmediatamente, de xeito razoado e por escrito ó afectado ou afectados.

10. A Resolución poderá dirixirse unicamente ás partes implicadas ou, a instancia de calquera delas, ser feita pública a través dos medios de comunicación e dos órganos de expresión do Colexio. Para a súa difusión a Xunta de Goberno deberá agardar a que se esgote o prazo de presentación de recursos previsto no punto 10 ou, no seu caso, a súa resolución.

11. A resolución da solicitude de amparo poderá ser recorrida perante a Xunta de Goberno polo seu asinante ou asinantes no prazo dunha semana a partires da data da súa comunicación.

12. A Xunta de Goberno resolverá o recurso contra a resolución na primeira reunión que se celebre desde a data da súa entrada no rexistro. Se estimase o recurso deberá redactar unha nova resolución dando cumprimento ó previsto no punto 9.

13. O expediente completo da solicitude de amparo será incorporado ó arquivo do Colexio.