O labor do Colexio de Xornalistas protagoniza o programa 'A porta aberta'

O programa da Televisión de Galicia A porta aberta dedicou a súa edición do pasado venres 30 de xuño ao labor desenvolvido polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O espazo, dedicado a dar a coñecer e pór en valor o traballo do asociacionismo galego, contou coa participación do decano Francisco X. González Sarria, da vicedecana primeira Sonia Vizoso, da membro da Xunta de Goberno Eliana Martíns e do representante territorial en Santiago David Lombao. 

Na emisión deuse a coñecer o traballo do Colexio de Xornalistas en favor da mellora das condicións laborais das e dos xornalistas levan a cabo os seus traballos, a defensa profesional ou a liberdade informativa, entre outros obxectivos, e púxose en valor o seu papel tanto de concienciación á sociedade como de asesoramento aos poderes públicos. Debulláronse tamén algúns dos principais problemas da profesión en Galicia, como a precariedade, a censura ou a desinformación, e fíxose unha aposta firme polos medios públicos, o uso do galego no xornalismo e a contrastación da información.

Co subtítulo de "Á verdade como arte", o episodio achegase ao labor do Colexio de Xornalistas en defensa dunha profesión que o propio programa defina como "un piar trascendente nas sociedades modernas". O espazo consta de entrevistas aos catro profesionais participantes a través das cales van dando a súa visión sobre o exercicio da comunicación a importancia do Colexio, para posteriormente xuntarse nunha mesa redonda na que se afonda sobre as condicións do xornalismo na nosa comunidade. 

A porta aberta, que se emite de luns a venres ás 20:55 pola segunda canle da Televisión de Galicia, dedica cada un dos seus episodios a unha entidade social concreta, buscando abarcar ámbitos diversos e abranguer todo o territorio galego. O programa está realizado por Producións Celta e dirixido e escrito por X.H. Rivadulla Corcón.

O programa completo pode verse aquí

CPXG