Un termómetro do estado da profesión
Texto de Darío Janeiro, secretario da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con motivo do número 1000 do Boletín F5.
Cando empezamos a publicar o boletín semanal de noticias do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia decidimos chamalo F5. Actualizar. Era 2002. Seguramente hoxe levaría outro nome. Un dos males do xornalismo actual é precisamente a obsesión dalgúns medios e xornalistas pola última ultimísima hora, polas noticias publicadas no momento, moitas veces sen contrastar o suficiente e, desde logo, sen un proceso de análise. Un convite para a desinformación.
Porén, o F5 leva cumprindo o seu papel informativo máis de vinte anos. Evolucionando e cambiando, pero chegando todos os venres ás caixas de correo. E hoxe chega ao seu número 1.000. Unha efeméride para celebrar. Este sinxelo vehículo permite informar ás colexiadas e colexiados, pero tamén á cidadanía en xeral, da actividade que realiza o CPXG e do que está a acontecer no ámbito da comunicación. É de xustiza darlle os parabéns ao persoal do Colexio que elabora cada semana os seus contidos. Pero tamén hai que darlle as grazas polo mantemento dos contidos da web, das nosas redes sociais, pola elaboración dos comunicados e pronunciamentos públicos ou pola tarefa de manter a comunicación directa con todas as persoas que diariamente nos escriben facendo consultas, solicitando algunha acción, pedindo datos ou colaboracións ou, tamén, queixándose. A relación do Colexio coa sociedade é un dos elementos centrais do noso traballo.
Repasando algúns destes mil números queda unha sensación agridoce. Dun lado é posible ver a consolidación do Colexio de Xornalistas como actor relevante no sector da comunicación en Galicia. Tamén, a súa capacidade de poñerse en primeira liña cando é preciso. Ou de organizar actividades en beneficio da profesión. Doutro lado, advírtese, no noso catálogo case infinito de comunicados e de noticias enviadas ás subscritoras e subscritores, a deriva do xornalismo actual. Á citada desinformación hai que sumar a eterna crise económica e de modelo, os problemas de precaridade, o intrusismo laboral, a discriminación por xénero, as presións políticas, a falta dun marco legal moderno ou a situación dos medios públicos galegos, por citar só algúns exemplos.
En calquera caso, como institución que representa á profesión xornalística, seguiremos defendendo os mesmos principios, por incómodos que poidan resultar ás veces, e seguirémolos difundindo a través do noso boletín. Se queredes, lémonos cada semana.
Darío Janeiro
Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)