Vinte e cinco anos da pioneira emisión en directo na Internet da TVG

Este martes 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, fixéronse vinte e cinco anos da primeira emisión en directo da Televisión de Galicia a través de Internet. En 1997, a canle pública galega convertíase na primeira de Europa e sétima do mundo en emitir en tempo real na rede as 24 horas do día.

Hai vinte e cinco anos, o 17 de maio de 1997 a Televisión de Galicia abría camiño ao se converter na primeira televisión europea en emitir ao vivo a través de Internet as 24 horas do día.  Ese día, e tras un breve período de probas en abril, as emisións de Galicia TV, a canle internacional do medio público galego, estiveron a disposición a través da rede para todo o mundo que dispuxera dun módem cunha velocidade de 28,8 kbs. Só seis televisións de todo o mundo puxeran en marcha un servizo semellante antes ca galega. 

A iniciativa foi posta en marcha a Dirección de Comunicación e Relacións Externas do Ente Público CRTVG , encabezada por Alberto Barciela Castro, e contaba cun equipo dirixido por Xosé María Fernández Pazos, naquel momento xefe do Servizo de Teletexto e Internet da Radiotelevisión de Galicia. Ademais das emisións de Galicia TV, no sitio web da canle pública galega podían verse aquel 17 de maio vídeos promocionais da Radio Galega e da TVG, un vídeo musical do Xabarín Club ou unha entrevista ao lucense Ánxel Fole, homenaxeado ese ano no Día das Letras Galegas. 

Na actualidade, a Radiotelevisión de Galicia segue a innovar no eido das novas tecnoloxías. A TVG foi tamén a primeira canle autonómica de España en lanzar unha canle Youtube 24h, a primeira televisión pública en retransmitir con éxito a través da tecnoloxía 5G ou o primeiro operador de España en emitir un programa en TDT, radio, Twitch e YouTube de xeito simultáneo. 

CPXG