Un manifesto chama aos medios a informar mellor dos conflitos e contribuír á paz

O Manifesto por uns medios de comunicación de paz no século XXI, posto e marcha pola Unión Latina de Economía Política de la Comunicación, la Información y la Cultura e a Red de Investigación en Comunicación Comunitaria, Alternativa y Participativa, fai un chamamento a mellorar o papel do xornalismo na prevención e resolución de conflitos, propondo unha guía de boas prácticas e reclamando facer efectiva a Comunicación de Paz e democratización da produción de contidos.

A sección española da Unión Latina de Economía Política de la Comunicación, la Información y la Cultura e a Red de Investigación en Comunicación Comunitaria, Alternativa y Participativa fixeron público recentemente o seu Manifesto por uns medios de comunicación de paz no século XXI, no que reclaman aos medios de comunicación e os representantes políticos coidar as análises que ofrecen sobre os conflitos e mellorar o seu papel na prevención e resolución pacífica e xusta dos mesmos. 

En primeiro lugar, o documento propón unha guía de boas prácticas para os medios de comunicación, formulando a un medio prazo a necesidade de levar a cabo reformas estruturais que creen as condicións necesarias para facer efectiva a Comunicación de Paz dun xeito sistemático. Ademais, o manifesto inclúe unha axenda de prioridades para favorecer a democratización no acceso e a produción dos contidos, así como na propiedade e gobernanza dos medios e a comunicación.

Entre as accións inmediatas que reclaman a xornalistas e medios de comunicación inclúense realizar análises fondas e contextualizadas de calquera conflito; contar coas voces de quen os sofren; apoiar as saídas sociais, negociadas e diplomáticas; realizar un traballo xornalístico preventivo, que priorice as perspectivas de paz; evitar coberturas enfocadas cara o odio ou a discriminación; fomentar unha comunicación de proximidade para entender os problemas locais; defender os Dereitos Humanos; proporcionar vías para a participación cidadá no sistema mediático; procurar encontros entre xornalistas, universidades e o terceiro sector; e transformar o marco de seguridade individual por un de seguridade positiva e compartida.

A iniciativa deste manifesto xurdiu no marco do VIII Congreso Internacional Comunicación y Paz de ULEPICC-España e o II Congreso Internacional de Comunicación y Ciudadanía de RICCAP, celebrados no 2023. O documento está a recabar sinaturas e xa se adheriron a el preto de 200 persoas.

CPXG