TVE renova o equipo directivo para diferenciar as distintas canles

O equipo dirixente de TVE renóvase. A chegada de Javier Pons á cúpula da cadea pública e a xubilación anticipada -por efecto do expediente de regulación de emprego que provoca a saída de 4.000 traballadores- dalgúns altos cargos aceleraron as remudas.
As principais áreas de programación e contidos cambian de mans. Á fronte da dirección de arte, o realizador Javier Montemayor encargarase de deseñar "o estilo das distintas canles de TVE" para que teñan "unha identidade definida e propia", segundo explicou onte a cadea.

O novo equipo xestor proponse aplicar "cirurxía fina" a TVE-1, cuxa grella se solapa coa das televisións privadas, e abordar un "cambio radical" en La 2, cadea que foi refuxio para os programas de calidade en todos os xéneros (ficción, cine, documentais) e campo de innovación audiovisual. A dirección de programación de ambas as dúas canles será desempeñada por Lola Molina, ata agora directora de contidos da televisión autonómica de Castela-A Mancha. Das canles temáticas ocuparase Celina Velasco.

Segundo o novo organigrama, a área de programas de entretemento estará ó mando de Guillermo Garrigós, que foi responsable de programas como Gente de primera ou Disco del año 2006. A dirección de ficción recaerá no avogado David Martínez, que foi director xeral das compañías galegas Voz Audiovisual e Filmanova. Juan Xesús Ortiz, vinculado a espazos como Informe semanal ou Saber vivir ocupará a dirección de programas e magacins. Samuel Martín Mateos (director do cinematográfico Cartelera) asumirá a dirección de programas culturais. Á fronte de mercadotecnia de contidos estará Mario López Gómez, procedente da empresa Barlovento.

Polo seu lado, Montse Abbad tomou onte posesión do seu cargo como directora de TVE en Cataluña, centro no que se producen programas como Los lunnis, Leonart ou Línea 900. O presidente de RTVE, Luis Fernández, apostou por facer de Sant Cugat "un centro de produción para Catalunya, España e o mundo.

MADRID
EL PAÍS
R. G. G.