Todas as aldeas da Estrada terán dende esta semana conexión por banda larga

Acceder a internet de alta velocidade dende calquera aldea da Estrada será posible a partir do martes. Así o adiantou hoxe a iniciativa A Estrada Dixital.
Deste xeito, o municipio de Tabeirós convértese no segundo concello da Galiza rural que loita contra a fenda tecnolóxica cunha rede sen fíos de titularidade pública. E iso que o director xeral estatal para a Sociedade da Información é contrario ás redes públicas porque, asegura, prexudican ás operadoras privadas.

"O Estado non axuda máis aos cidadáns subministrando wi-fi gratuíto" argumentaba David Cierco nunha polémica entrevista co xornal 20 minutos. O certo é que en Galiza xa hai, ademais do da Estrada, tres proxectos deste tipo. Por unha banda, Salvaterra do Miño está despregando unha rede gratuíta de Wimax para cubrir todo o municipio. En Compostela, o Concello agarda dar acceso sen fíos na zona vella antes de fin de ano. A propia Xunta comezou instalar a súa propia rede de Wimax no Courel para levar a rede aos lugares máis illados.

Banda larga a prezo de custe

No caso da Estrada, os cidadáns terán que pagar "prezos moi asumíbeis e que en principio só cubrirían os custes do servizo". A Estrada Dixital investiu máis de 560.000 na infraestrutura necesaria, que foi adxudicada á galega Softgal, compañía que comprou despois Tecnocom.

A rede estradense usa, principalmente, dúas variantes da tecnoloxía sen fíos. No casco urbano, emprégase a rede mallada. O wifi foi escollido para dar cobertura ás aldeas, algo vital nestes concellos, un dos máis extensos de Galiza. O sistema estivo en probas ata hai pouco, pero a partir de mañá os veciños poderán solicitar a alta no servizo.

A Estrada Dixital é unha iniciativa pública xestionada pola Fundación Cultural da Estrada pero que conta co apoio da Unión Europea, o Estado, a Xunta e o propio Concello. Subvencións para a compra de ordenadores e un "bus dixital" que vai polas aldeas promocionando a conexión a internet son outras das iniciativas que lanzou este programa.

SANTIAGO DE COMPOSTELA
M.V.