Reporteiros Sen Fronteiras publica un mapa do exilio de xornalistas

A organización internacional Reporteiros Sen Fronteiras reflicte nunha cartografía os fluxos migratorios dos e das comunicadoras obrigadas a abandonar os seus países por ameazas ou persecución, un fenónemo cada vez máis global. España preséntase como un dos principais refuxios para xornalistas latinoamericanos. 

A organización internacional Reporteiros Sen Fronteiras vén de publicar o Mapa de exilio dos xornalistas, no que recolle os principais fluxos migratorios dos e das xornalistas que se ven obrigadas a abandonar os seus países de orixe por mor das ameazas ou persecución que reciben polo exercicio da súa profesión. 

A cartografía reflicte a fuxida de profesionais dos países inmersos en guerra como Ucraína, Sudán ou Siria, pero tamén da represión e dos obstáculos á liberdade de expresión en lugares sen conflitos armados. O exilio de xornalistas é cada vez máis habitual e Christophe Deloire, Secretario Xeral de RSF, declarou que "o noso departamento de asistencia nunca estivo tan solicitado desde a súa creación".

Deloire asegurou que é preciso loitar para conseguir dous obxectivos: "reducir os factores que conducen ao exilio, combatendo a represión, e axudar aos xornalistas e medios que non puideron evitar fuxir". Neste sentido, destacou que Reporteiros Sen Fronteiras está a traballar en iniciativas como a creación do JX Fund, un fondo de apoio a comunicadoras e comunicadores exiliados.

No que fai a España, a organización destaca que, xunto aos Estados Unidos, é o principal país de refuxio para centos de xornalistas venezolanos, cubanos e centroamericanos que se ven obrigados a abandonar os seus países.

CPXG