Paro de dúas horas en Telemadrid

Os traballadores de Telemadrid celebraron un paro de dúas horas entre a unha e as tres do mediodía. Segundo fontes de CCOO, o obxectivo da protesta foi pedir a readmisión dun traballador despedido e a retirada a outros dous compañeiros expedientados como consecuencia dos altercados rexistrados na folga do pasado 5 de decembro.
Telemadrid abriu catro expedientes sancionadores polos incidentes ocorridos durante esa xornada, a tres afiliados a CGT e a un traballador de CCOO Contra dous deles, Nicolás González e José Ángel Jiménez, volvéronse a abrir expedientes polas súas protestas na copa de Nadal que o director xeral, Manuel Soriano, ofreceu ó cadro, e durante a que, segundo a dirección, "arredor de 15 traballadores" pediron a súa demisión.

A resolución destes expedientes concluíu co despedimento de González, unha sanción de 60 días sen emprego e soldo a Jiménez e outro traballador afiliado ó sindicato CGT, e unha amoestación para outro de CCOO, todos eles membros do comité de folga.

Fontes de CCOO explicaron que o paro parcial e a concentración á entrada do Ente público madrileño pretenderon a readmisión do despedido e a retirada dos expedientes, "inxustos" a xuízo do sindicato e "motivados por unha agresión da seguridade da empresa".

O paro afectou ós programas 'Alto e Claro' e ó informativo da cadea, aínda que non prexudicou á emisión, segundo fontes sindicais, que consideran "abusivos" os servizos mínimos establecidos pola empresa e que establecen que ambos os dous espazos son servizo esencial.

Os sindicatos cifraron o seguimento do paro entre o 80% e o 85% do cadro de 900 traballadores.

A dirección de Telemadrid declarou que os sindicatos "volven a convocar un paro nunha franxa que afecta a dous dos programas con maior audiencia da cadea". Segundo a súa opinión, "a protesta pon de manifesto de novo o contexto de confrontación política" que, ó seu xuízo, comezou o mes pasado de novembro cando os sindicatos, lembra a dirección, advertiron de que a folga sería o primeiro paso de "unha confrontación que chegará ata as eleccións" do próximo mes de maio.

Telemadrid asegura que "non ten problemas financeiros nin laborais que xustifiquen estes paros" e sinala que "as reivindicacións laborais dos traballadores xa están pactadas e incluídas no convenio colectivo".

MADRID
EL MUNDO.ES