Os xornalistas David Beriain e Roberto Fraile, asasinados en Burkina Faso mentres informaban sobre a caza furtiva
A primeira hora do luns 26, o reporteiro David Beriain e o cámara Roberto Fraile eran asasinados en Kompienga (Burkina Faso) nun ataque reivindicado polo Grupo de Apoio ao Islam e os Musulmáns. Os dous tiñan unha longa traxectoria como xornalistas en zonas de conflito, e Beriain estivera vinculado a Galicia ao longo da súa carreira profesional. No atentado faleceu tamén o cooperante irlandés Rory Young. O CPXG expresou a súa tristeza por estas mortes que se suman a unha longa lista de profesionais asasinados.
Este martes 27 de abril coñeciamos o asasinato do reporteiro David Beriain e o cámara Roberto Fraile en Kompienga (Burkina Faso) mentres estaban a cumprir o seu labor informativo. Os dous xornalistas estaban a investigar a caza furtiva cando o seu convoi foi atacado na mañá do luns. No ataque, faleceu tamén o cooperante irlandés Rory Young, director da fundación Chengeta Wildlife, mentres que un soldado burkinense se atopa en paradoiro descoñecido. O Grupo de Apoio ao Islam e os Musulmáns (JNIM), filial de Al Qaida no Magreb Islámico, reivindicou o atentado.
David Beriain naceu en Artajona en 1977. Estudou Ciencias da Información na Universidade de Navarra e no 2002 entrou en La Voz de Galicia, onde exerceu de correspondente de guerra en Irak e Afganistán. O xornalismo levouno tamén a outras moias zonas de conflito, como Colombia, onde foi un dos poucos reporteiros en gravar nos campamentos das FARC, Sudán ou Pakistán. En 2010 comezou a traballar para Mediaset, formando parte do equipo REC Reporteros Cuatro, e en 2011 dirixiu a curtametraxe Percebeiros, candidata aos Goya. Desde 2012 dirixía a produtora audiovisual 93 Metros.
Roberto Fraile nacera hai 47 anos en Barakaldo, aínda que tiña unha vinculación familiar e persoal con Castela e León, onde traballou moitos anos en Televisión Salamanca, a actual La 8. Posteriormente se converteu en cámara freelance en zonas de conflito, trasladándose a lugares como Irak, Kosovo, Libia, Afganistán, Congo ou Siria. Neste último país fora ferido no 2012 en Alepo pola explosión dunha granada. Moitos dos seus traballos realizáronse en colaboración con Beriain, entre os que se pode destacar a produción para Discovery Max Clandestino.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia expresou este martes as súas condolencias por estes dous novos asasinatos que veñen sumarse aos doutros compañeiros e compañeiras mortos mentres cumprían co seu deber informativo, e sumouse á tristeza expresada por toda a profesión. A morte de David Beriain, pola especial relación que este tivo coa nosa terra ao longo da súa carreira, é particularmente sentida no seo do xornalismo galego.
CPXG