O xoves 25, último día para apuntarse ao webinar de Excel aplicado á comunicación con Miguel Rodríguez Fernández

O vindeiro xoves 25 de abril péchase o prazo para apuntarse ao webinar Excel para xornalistas: aprende a interrogar follas de cálculo para atopar historias, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Miguel Rodríguez Fernández, que se realizará o sábado 27, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online. 

Co xornalismo de datos como unha das corrents principais na comunicación actual, este curso pretende ser unha introducción a Excel, para aqueles e aquelas xornalistas interesadas en mellorar as súas competencias na análise de datos, co obxectivo de poder acceder ás historias que hai detrás dos números. A finalidade do curso é adquirir un coñecemento básico da lóxica do popular programa de follas de cálculo de Microsoft, así como das aplicacións que poden ser máis útiles no día a día dun xornalista, desde simples cálculos de medias ou variacións porcentuais até a fusión de dúas follas cálculo, a limpeza de táboas de datos ou o manexo de táboas dinámicas.

O curso estará impartido por Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Traballo cinco anos en La Opinión A Coruña, logo de varios periodos de prácticas en medios como El País, Europa Press e Xornal de Galicia. No Reino Unido, foi durante un ano xornalista de datos na Press Association, concretamente na súa unidade de datos local chamada Radar AI, que contaba con financiamento de Google para desenvolver un servizo de escritura automatizada a partir de bases de datos. Desde 2019, é Editor de Datos en ICIS, unha publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos. Ademais, ten mantido colaboracións regulares con medios como elDiario.es, La Voz de Galicia, Naiz ou Luzes.

Como inscribirse no webinar

O curso realizarase a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do xoves 25 de abril, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG