O Reuters Institute debuxa un mercado mediático dixital e marcado pola falta de confianza

O Digital News Report, o relatorio do Reuters Institute sobre a situación do ecosistema mediático, revela na súa edición de 2023 fortes mudanzas no modelo mediático, cunha perda da credibilidade da información (máis agudizada aínda en España) e a aceleración do paso a uns medios máis dixitais. 

O Reuters Institute vén de publicar o seu informe Digital News Report correspondente ao ano 2023, no que analiza os mercados mediáticos de 46 países en todo o mundo para ofrecer un barómetro da industria dos medios a nivel global. Este ano o relatorio reflicte unha fonda transformación do ecosistema comunicativo a nivel internacional, debido principalmente á crise global do coste da vida, á guerra en Europa e á crecente inestabilidade climática.

Entre as principais conclusións do informe deste ano encóntrase a aceleración do cambio cara a un modelo mediático máis dixital, o descenso das visitas ás webs de noticias (en favor de redes e buscadores, pero non de Facebook, cuxo peso disminúe) e a suba da influencia de persoas famosas fronte a xornalistas. O público xeral mostra escepticismo cara aos algoritmos de selección de novas, pero segue a preferir as seleccionadas así ás escollidas por editores ou xornalistas. Cae a confianza nas informacións (cunha maior credibilidade dos medios rexionais ou locais), a participación nas noticias en liña e consumo de medios tradicionais, especialmente dos medios públicos entre a poboación máis nova. Até un 36% das persoas din evitar mesmo recibir noticias decote ou algunhas veces. No que fai aos modelos de negocio, o pagamento pola información online estáncase e as subscricións dixitais cada vez se concentran máis nuns poucos medios. O público en xeral segue a preferir as noticias escritas, frente ás audiovisuais, cos podcasts informativos manténdose aínda como minoritarios. 

No apartado dedicado a España, o Reuters Institute salienta que a perda de confianza na información acadou a cifra máis alta desde que hai rexistros, un 40%. A prensa impresa está en horas baixas en detrimento da internet, que supera por primeira vez en acceso á televisión. A nova situación provocou mudanzas nas estratexias editoriais, coa aparición de novos medios na rede, a realización de experimentos con contido en streaming e un crecemento das subscricións dixitais, aínda que a meirande parte dos ingresos seguen a depender da publicidade. O relatorio destaca tamén como claves en España a nova Lei Xeral de Comunicación Audiovisual e as mudanzas na financiación dunha RTVE que tenta mellorar o seu rendemento. 

CPXG