O New York Times podería deixar o papel en cinco anos, segundo o seu presidente

Arthur Sulzberger, presidente do xornal estadounidense 'The New York Times', recoñeceu que non sabe se a edición impresa do seu periódico seguirá existindo dentro de cinco anos.
O New York Times é posibelmente o xornal máis influinte do mundo. Pertence ao grupo New York Times Company, que tamén posúe outras corenta publicacións entre as que destaca o Herald Tribune e o Boston Globe. Segundo o seu presidente, o xornal está inmerso na transición do periódico impreso a internet, unha viaxe que terá o seu fin "o día que a compañía decida deixar de imprimilo".

Sulzberger asegurou no pasado Foro Económico de Davos que non lle importaría deixar de imprimir o rotativo xa que "internet é un lugar marabilloso para estar, e aí somos o líder".

As perdas económicas dos últimos catro anos poden ter boa parte de culpa desta actitude do neto do fundador do xornal. Na actualidade a edición dixital da ‘dama gris’ conta cun millón e medio de lectores diarios, moi por riba do 1,1 millóns de subscritores da edición impresa.

O xornal, que xunta noventa premios Pulitzer, apostará pola web para reconquistar parte da publicidade que están a perder co soporte tradicional. De feito, a empresa xa está a desenvolver un programa xunto con Microsoft que mellore a visualización dos xornais nos ordenadores.

SANTIAGO
VIEIROS