O mércores 19, último día para inscribirse no webinar sobre o tratamento dos suicidios con Gabriel González Ortiz

Ata o vindeiro mércores 19 de abril está aberto o prazo para apuntarse ao webinar  Informar sobre suicidio: cando, como e para que, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e impartido por Gabriel González Ortiz, que se realizará o sábado 22, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online. Tamén continúa aberta a inscrición no webinar sobre información relativa a menores, que Elena López dará o 3 de xuño. 

Fronte a tendencias anteriores que avogaban polo silenciamento, o suicidio, primeira causa de morte por motivos non naturais na nosa contorna, converteuse nos últimos tempos nun tema con numerosa presenza na actualidade informativa. Nas redaccións, foi substituíndose aos poucos a primacía da idea do efecto Werther polo efecto Papageno, que defende que os medios de comunicación poden converterse nun axente na prevención do suicidio. Mais para iso é preciso reflexionar sobre como abordar un caso concreto na redacción, cando un suicidio é susceptible de ser noticia, liñas vermellas que non hai que traspasar, que dicir e que non dicir para evitar o efecto contaxio... . Neste webinar, farase un repaso histórico a cómo se tratou o suicidio os medios de comunicación, cun resumo dos estudos sobre o efecto contaxio, e daranse consellos para abordar o fenómeno xeral do suicidio de modo que se poida contribuír a reducir o tabú e o estigma que tanto dano fai á prevención.

O webinar estará impartido por Gabriel González Ortiz, xornalista navarro que cubre a información de Tribunais e Sucesos no Diario de Navarra, e exerce como profesor de comunicación na Universidad de Navarra. Autor do libro 'Hablemos del suicidio, pautas y reflexiones para abordar este tema en los medios (2018), desde o ano 2015 é membro da Comisión Interinstitucional para a Prevención das Condutas Suicidas do Goberno de Navarra e desde 2020 imparte docencia no Postgrao de Experto en Suicidoloxía da Universidad del País Vasco-Euskal Herriko Unibertsitatea. 

Ademais, o sabado 3 de xuño, Elena López Fernández impartirá o webinar A información relativa a menores no Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia, centrado no tratamento que dende o gabinete da Fiscalía Superior de Galicia se fai dos asuntos relacionados con menores. No curso detallaranse as peculiaridades desta especialidade, como cal é o motivo do tratamento diferenciado dos asuntos de adultos, que tipo de nenos chegan á "Fiscalía de Menores"ou as razóns de que sexan habituais os xuízos a porta fechada. Ofreceránse ademais exemplos de asuntos reais e aclararanse cuestións xerais, como que é a Fiscalía, cal é o seu papel no procedemento xudicial ou como é o traballo habitual do Gabinete. Todo isto tendo como base o Protocolo de Comunicación do Ministerio Fiscal en Galicia vixente desde o ano pasado. López Fernández é xefa de Comunicación e Protocolo da Fiscalía Superior de Galicia desde 2021 e ten unha experiencia de vinte anos como xornalista en diversos medios.

Os cursos realizaranse a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do mércores anterior a cada curso, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG