O director de Nichane condenado a tres anos de cárcere, con suspensión da pena

O tribunal de primeira instancia de Casablanca condenou, o 15 de xaneiro de 2007, ó director de publicación do semanario Nichane, Driss Ksikes, e á xornalista Sanaa Elaji, a tres anos de cárcere, co cumprimento da pena en suspenso, e unha multa de 80.000 dirhams (equivalentes a 7.200 euros). Por outra parte, condenou ó semanario a dous meses de suspensión.
"Naturalmente sentímonos aliviados pola decisión dos xuíces, que non seguiron a petición do procurador, particularmente severa e inxusta. Pero, a pesar de todo, parécenos escandaloso que se suspenda un periódico simplemente por ter publicado unhas historias divertidas, relativas ó reino e ó Islam. A condena de tres anos de cárcere, co cumprimento en suspenso, do director de Nichane e dunha das súas xornalistas, vai pesar como unha espada de Damocles sobre a cabeza desa valente redacción", declarou Reporteiros sen Fronteiras, un de cuxos representantes asistía á lectura da sentenza.

"Cando se achegan as eleccións lexislativas, facemos un chamamento ás autoridades marroquís para que dean mostras de moderación cos medios de comunicación. Os xornalistas teñen que poder informar libremente á poboación, mesmo sobre algúns temas que molestan ás autoridades, ou ofenden ós adeptos dunha relixión", engadiu a organización.

Ó coñecer a sentenza, a redacción de Nichane manifestou o seu alivio. "A xustiza pronunciouse soberanamente. Sentímonos satisfeitos de que non se mantivese a prohibición de exercer, e de que a condena quedase en suspenso, mesmo a pesar de que consideramos que tres anos son moitos", declarou Ahmed Benchemsi, director do semanario francófono Tel Quel, pertencente ó mesmo grupo de prensa que Nichane. "Ten que cambiar a lei de prensa. As autoridades xa o anunciaron. Espero que o fagan", engadiu.

O 20 de decembro de 2006, o goberno marroquí decidiu prohibir Nichane, cando pasaran máis de dez días da saída da súa edición nº 91, do 9-15 de decembro, que incluía un dossier titulado: 'Bromas: como se rin os marroquís da relixión, o sexo e a política'. Posteriormente, a fiscalía de Casablanca decidiu denunciar ó director de publicación e á xornalista, autora do artigo, por 'atentado á relixión islámica' e 'publicación e distribución de escritos contrarios á moral e ós costumes'.

Tras a primeira vista, que se celebrou o 8 de xaneiro de 2007, o fiscal solicitou para Driss Ksikes e Sanaa Elaji unha condena de tres a cinco anos de prisión incondicional, así como a prohibición de exercer e unha multa de entre 10.000 e 100.000 dirhams (é dicir, entre 895 e 8.950 euros). Tamén solicitou o peche definitivo do periódico.

O semanario en lingua árabe Nichane, que se publicou por primeira vez en setembro de 2006, vendía preto de 15.000 exemplares semanais antes de que o suspendesen.

MARROCOS
RSF