O decano do Colexio de Xornalistas pecha cun obradoiro de podcast o programa 'Aprendamos a ler a información'

  • Francisco X. González Sarria, decano do CPXG, e o director do centro, Francisco González, no patio de Pereiro de Aguiar
  • Francisco X. González Sarria, Javier Fraiz, Francisco González e dous traballadores do centro, na inauguración de 'Aprendamos a ler a información' o 15 de decembro de 2022
  • O decano do CPXG Francisco X. González Sarria, o xornalista Manuel de Lorenzo e o director do centro penitenciario Francisco González, na xornada do 21 de decembro de 2022
  • O director do centro penitenciario Francisco González, a guionista e directora Ana Cermeño e o decano do CPXG Francisco X. González Sarria, na sesión do 13 de xaneiro de 2023
  • Xornada do o 24 de xaneiro de 2023 en Pereiro de Aguiar con Manuel Vázquez Sola; Francisco González, director do centro penitenciario; Fernanda Tabarés e Francisco X. González Sarria, decano do CPXG.
  • O director do centro penitenciario Francisco González, a xornalista María Pardo, o decano do CPXG Francisco X. González Sarria e un traballador do centro na sesión do 23 de febreiro de 2023.
  • Penúltima sesión de 'Aprendamos a ler a información' co director do centro Francisco González, a xornalista Monchi Sánchez, o director de 'La Región Sechu Pastoriza e o decano do CPXG Francisco X. González Sarria.

Francisco X. González Sarria foi o encargado de pór este mércores o remate á primeira edición de 'Aprendamos a ler a información', o programa organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", que pretende ser unha ferramenta de apoio á reinserción da poboación reclusa feminina do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar. Cun obradoiro de podcast, o decano do Colexio pechou unha exitosa primeira edición deste ciclo, na que nove xornalistas e escritores dialogaron coas internas sobre a actualidade e a súa cobertura nos medios. 

Aprendamos a ler a información é unha experiencia na que escritores e xornalistas con obra publicada ou con colaboracións habituais nos medios de comunicación trasladarán á comunidade reclusa feminina conceptos básicos para entender a información, buscala nos medios adecuados e colocala nun contexto real socioeconómico, co obxectivo de servir de axuda á súa reinserción. Para iso, estabelécese un diálogo coas reclusas no que poidan explorarse tanto as publicacións dos autores como a análise da información diaria cos seus diferentes enfoques. 

Para fechar esta primeira edición do programa, o propio decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Francisco X. González Sarria, preparou unha sesión especial na que forneceu ás reclusas das ferramentas necesarias para a posta en marcha dun podcast, o formato radiofónico dixital de auxe na actualidade. Desta maneira, complétase o ciclo de introdución das internas ao mundo da comunicación, facilitando que, despois de aprender a analizar e distinguir ben os contidos xornalísticos, poidan convertirse elas mesmas en creadoras de información. 

González Sarria aproveitou tamén a ocasión para facer balance do conseguido nesta experiencia piloto, con conferencias nas que os xornalistas Javier Fraiz, Manuel de Lorenzo, Ana Cermeño, Fernanda Tabarés, Manuel Vázquez Sola, María Pardo, Sechu Pastoriza e Monchi Sánchez abordaron distintas perspectivas, xéneros e contidos xornalísticos, ofrecendo á poboación reclusa de Pereiro de Aguiar unha oportunidade incomparábel para formarse no mundo da comunicación. A identificación das loiadas e fake news, as diferenzas entre xornalismo e literatura, as maneiras de evitar o sensacionalismo, a busca de fontes para informarse ou os pormenores do xornalismo xudicial ou de sucesos foron algúns dos temas tratados ao longo de seis meses nesta experiencia de axuda á reinserción, que pecha a súa primeira edición cun éxito notábel. O Colexio de Xornalistas xa traballa coa dirección do centro para explorar futuras iniciativas coas persoas internas. 

No centro penitenciario de Pereiro de Aguiar, a prisión de referencia na provincia de Ourense, están privadas de liberdade un total de 287 persoas na actualidade, das que 21 son mulleres, que conviven nun módulo do recinto . O programa Aprendamos a ler a información, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinado pola Fundación "la Caixa", desenvolverase neste centro até o mes de marzo do vindeiro ano, coa participación de distintos xornalistas e escritores. O apoio da Fundación “la Caixa” ven dado pola súa inquedanza nos temas de índole social, tal e como recollen os seus obxectivos fundacionais, polo que este marco de colaboración co Colexio de Xornalistas atende á necesidade de dar oportunidades ás que persoas en risco de exclusión.

CPXG