O CPXG organiza este outono dous webinars sobre violencia simbólica contra as mulleres e xornalismo de datos

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia anuncia a súa oferta formativa para os próximos meses, que consta dos webinars Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica, impartido por Isabel Menéndez (21 de outubro) e Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas, por Miguel Rodríguez Fernández (25 de novembro). Os cursos realizaranse en sábado, en horario das 11.00 ás 13:00 horas, a través da plataforma de formación online do CPXG, e pode asistirse a eles tamén de maneira diferida. A inscrición está xa aberta e remata o mércores 18 de outubro para o primeiro dos webinars, e o 22 de novembro para o segundo.

Golosinas visuais: a violencia simbólica no marco da biopolítica é un curso que tenta responder á existencia dun metadiscurso regresivo nos medios e a cultura popular que se propón como discurso emancipador. Trátase de mensaxes altamente ambiguas, que utilizan con frecuencia a propia retórica feminista para encubrir ideas profundamente antifeministas e ás veces abertamente misóxinas, xerando unha tensión discursiva entre emancipación e dominación que non é fácil resolver. É o paradigma da violencia simbólica que, na sociedade contemporánea, se amplía desde as redes sociais. A formación estará impartida o 21 de outubro por María Isabel Menéndez Menéndez, catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidad de Burgos, cunha carreira investigadora centrada na análise feminista das industrias culturais e o tratamento informativo da violencia machista e simbólica, ademais dunha dilatada traxectoria como consultora para institucións públicas e empresas no ámbito das políticas de igualdade e a prevención da violencia de xénero.

E o sábado 25 de novembro terá lugar o webinar Introdución ao xornalismo de datos: primeiros pasos, competencias e ferramentas. Nel, farase un percorrido polas orixes e a teoría do xornalismo de datos, explicaranse as diferentes vertentes ou áreas de especialización que existen dentro del, darase conta da grande variedade de ferramentas e linguaxes de programación dispoñíbeis para as e os xornalistas e ofreceranse orientacións e consellos básicos para introducirse nesta corrente do xornalismo tan necesaria hoxe en día, así como recursos e cursos para continuar coa formación nesta materia. O curso impartirao Miguel Rodríguez Fernández, licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun mestrado en Xornalismo de Datos e Computacional pola Universidade de Cardiff. Tras unha carreira en distintos medios galegos e estatais, traballou como xornalista de datos na Press Association e desde 2019 é Editor de Datos en ICIS, publicación internacional especializada na cobertura de mercados enerxéticos e petroquímicos.

Como inscribirse nos webinars

Os cursos realizaranse a través da plataforma de formación online do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, con prazas limitadas, existindo tamén a posibilidade de acceder á gravación en diferido para aquelas persoas que non poidan conectarse en directo. O prezo da inscrición é de 9 euros para colexiados e colexiadas, 5 euros para xornalistas en situación de desemprego e estudantes e 15 euros para xornalistas non colexiados/as. Para inscribirse é preciso enviar, antes do mércores 18 de outubro no caso do primeiro curso, e do mércores 22 de novembro no do segundo, un correo a xornalistas@xornalistas.gal indicando o nome completo, DNI, enderezo de correo electrónico e número de teléfono (incluíndo tamén o número de colexiación ou unha fotografía do carné de estudante ou a carta de demandante de emprego, de ser o caso). En resposta a ese correo recibiranse as instrucións de pagamento e de acceso á plataforma de formación. A reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Se tes algunha dúbida, podes consultar no correo electrónico xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670. 

CPXG