O CPXG condena as trabas que o Deportivo lles puxo aos xornalistas na celebración da súa Asemblea

Ante os incidentes rexistrados no transcurso da Xunta Xeral de Accionistas do Real Clube Deportivo da Coruña entre membros da organización e fotoxornalistas que cubrían o evento, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) manifesta o seguinte:
1.- A súa máis enérxica condena ós empurróns, insultos e ameazas que os fotoxornalistas denuncian ter sufrido por parte de membros da organización que se encargaron das tarefas de seguridade durante a celebración da asemblea. Un deles mesmo presentou denuncia ante a Policía Nacional por unha presunta agresión por parte dun dos membros dos equipos de seguridade.

2.- A súa repulsa aos constantes atrancos que os fotoxornalistas sufriron no desenvolvemento do seu labor informativo, en especial cando trataban de recoller as imaxes que mostraban a tensión e os enfrontamentos verbais que se rexistraron durante a Xunta Xeral de Accionistas.

3.- O seu rexeitamento ao feito de que se impedise a entrada de xornalistas dun medio en concreto, La Voz de Galicia, a espazos aos que si puideron acceder ao resto de profesionais, ao entender que se trata dunha represalia polas súas informacións inadmisible en democracia.

Por último, o CPXG insta ao Real Clube Deportivo da Coruña a desistir deste tipo de actitudes que supoñen un grave atentado contra o dereito dos cidadáns a recibiren unha información libre e plural.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2006.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia