O CPXG CONDENA A AGRESIÓN Á CADENA COPE VIGO

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) condena o ataque ás instalacións da cadena Cope en Vigo, acontecido a semana pasada, por considerar que constitúe, ademais dun delito, un intento claro de impedir a liberdade de expresión que está garantida pola Constitución e que é a pedra angular que substenta o exercicio da profesión xornalística.
O CPXG lembra que a propia Constitución garante o exercicio do dereito de réplica para aqueles cidadáns ou colectivos que consideren que calquera información aparecida en calquera medio non reflicte as súas palabras ou os feitos cos que aparecen relacionados.

O Colexio solicita a maior dilixencia das forzas da orde para que sucesos deste tipo non se volvan a producir e para que os responsables dos mesmos sexan postos á disposición da xustiza.

O dereito á información e á liberdade de expresión é unha conquista histórica de toda a sociedade democrática e é unha responsabilidade dos profesionais da información e de toda a cidadanía en xeral esixir que non sofra ningún menoscabo.

Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia