O CPXG comprométese a elaborar unha proposta propia de medios públicos

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) comprométese a elaborar unha proposta propia de modelo de xestión dos medios de comunicación de titularidade pública de Galicia.
Esta decisión tómaa depois de que o grupo parlamentario dos socialistas non aceptase a proposta que lles trasladou o CPXG ós tres grupos parlamentarios na que se lles pedía que constituísen en sede parlamentaria un grupo de traballo que tras escoitar tódalas opinións que estimasen oportunas, elaborasen unha proposta de modelo de medios públicos galegos.

Na serie de entrevistas cos grupos parlamentarios o CPXG estivo representado polo seu Decano, Xosé Manuel Vega, e os membros da Xunta de Goberno, Luís Álvarez Pousa, Anxo Quintela e Xan Freire.
O presidente do Consello Nacional do BNG, Xosé Manuel Beiras, manifestou que para esta forza política a democratización e a posta ó servizo do país dos medios públicos galegos é unha "cuestión de Estado" e que a creación dun grupo de traballo no Parlamento, integrado polas tres forzas políticas alí representadas, lle parecía unha vía axeitada para abordar as reformas lexislativas que se estimasen precisas.

A continuación foi o presidente do grupo parlamentario dos socialistas, Ismael Rego, quen transmitiu que para o seu partido a proposta do CPXG lle parecía un erro estratéxico serio porque implicaba "darlle osíxeno ó Partido Popular e eximilo de pagar polo que leva feito cos medios de comunicación públicos en Galicia". Rego insistitu en que o PSdeG-PSOE non se ve participando co PPdeG en ningún grupo de traballo sobre os medios públicos galegos. Concluíu afirmando que, se o BNG e o PPdeG creaban ese grupo, eles non se ían opoñer, pero que non ían participar no mesmo. Asegurou que a súa formación eleborará unha proposta propia de medios públicos galegos e que se presentará con ela ás eleccións autonómicas.

A rolda de entrevistas pechouna o secretario xeral do PPdeG, Xesús Palmou. Afirmou que a día de hoxe resultaba unha evidencia que o modelo de xestión dos medios de comunicación de titularidade pública precisaba ser revisado en toda España. Insistiu en que as reformas se tiñan que facer por consenso e que estaba disposto a impulsar contactos coas demais forzas "ó máis alto nivel", sempre e cando o que se buscase fose mellorar o actual estado de cousas e non buscar culpables das desfuncións as que deu pé o actual modelo de medios públicos e o uso que fixeron deles tódolos gobernos, centrais e autonómicos, en España desde o ano 80.

Despois de que nunha segunda entrevista o PSdeG-PSOE reiterase a súa negativa a participar nese grupo de traballo, o CPXG considera que, se non participan nese grupo as tres forzas políticas galegas, non ten sentido crealo. Lamentando esta situación de acordo político, o CPXG comprométese a elaborar e presentarlle ás institucións e á sociedade galega, antes do remate deste ano, unha proposta de modelo de medios de comunicación de titularidade pública galegos. Previamente á redacción da proposta definitiva, o CPXG demandará e escoitará tódalas achegas que teñan que facer as forzas políticas, as organizacións sociais e todas aquelas institucións e organismos que pola súa natureza teñen algo que dicir sobre a función que deben cumpri-los medios de comunicación públicos en Galicia para estaren realmente ó servizo da sociedade por enriba de calquera outro interese.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2004

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG)