O CPXG chama a estender o compromiso contra as violencias machistas a todas as seccións informativas
Con motivo da conmemoración, este 25 de novembro, do Día Internacional pola Eliminación da Violencia de Xénero, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere reiterar, unha vez máis, o seu compromiso coa erradicación das violencias machistas e en favor dunha perspectiva transversal e de xénero para seguir avanzando no tratamento axeitado deste problema estrutural e de Estado.
Dezaoito anos despois da sinatura da Declaración de Compostela e vinte e cinco desde que o asasinato de Ana Orantes mudara para sempre o tratamento mediático das violencias machistas na nosa contorna, son evidentes os avances que se produciron no seo das redaccións durante este tempo. O recoñecemento destas violencias como un atentado contra a liberdade e a dignidade das persoas, a identificación das súas causas dentro das estruturas patriarcais da sociedade, a facilitación de información de servizos para as mulleres afectadas ou o maior compromiso das e dos profesionais representan conquistas que, malia ás eivas que poidan ter e aos ataques que sufran aínda hoxe, enraizaron con fortaleza na profesión. Existe, efectivamente, un xornalismo galego comprometido contra as violencias machistas, do que é un exemplo senlleiro o traballo de Cristina Huete, que este ano recibe unha mención de honra dentro dos premios Meninas da Delegación do Goberno, a proposta do Colexio de Xornalistas.
Con todo, e a pesar dos múltiplos exemplos positivos, aínda temos moito que avanzar como profesión. Cuestións como o rexeitamento do sensacionalismo, o respecto á intimidade das persoas agredidas ou a pluralidade das fontes están aínda lonxe do horizonte desexado que o Colexio de Xornalistas debuxara naquel 2004 no que se asinou a Declaración de Compostela. Nese sentido, cómpre lembrar que daquela xa se reclamaba que o compromiso activo dos medios na loita contra as violencias sexistas adoptara unha perspectiva interdisciplinar e transversal. Mesmo valorando moi positivamente o moito que se expandiu o significando da expresión "violencia de xénero" (íncorporando feitos como os abusos sexuais, a discriminación laboral, o acoso nas redes ou a violencia vicaria), é necesario lembrar que o esforzo xornalístico por erradicala non pode estar presente só naquelas novas relacionadas directamente coas agresións.
As violencias de xénero son a expresión máis crúa dunha perigosa ideoloxía, a patriarcal, profundamente enraizada na nosa sociedade, e é preciso combatela en todas e cada unha das súas manifestacións. O esforzo das e dos profesionais por informar de maneira axeitada dun asasinato machista queda eclipsado se nas páxinas do mesmo xornal ou na escaleta do mesmo programa se menosprezan outro tipo de violencias en informacións deportivas, de tribunais ou de espectáculos. O compromiso contra esta violación dos dereitos humanos ten que estenderse a todos os xéneros e seccións (xudicial, política, social, cultural, laboral, deportiva...), dado que, como demostran día a día, todos eses sectores participan da propagación das ideas machistas.
É urxente, pois, xerarmos un verdadeiro esforzo común por adoptar unha perspectiva de xénero en toda a profesión. A avanzar nese camiño ten contribuído o Colexio con iniciativas como a formación para xornalistas en materia de igualdade e prevención da violencia machista, organizada en 2021 co apoio da Consellaría de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e que agora sería preciso levar, nunha segunda fase, ao conxunto das redaccións. Ou, nun ámbito máis amplo, co obradoiro Contar Con Todas que, xunto á Deputación da Coruña, forneceu á mocidade do IES Rafael Puga Ramón de ferramentas para esixiren aos medios unha cobertura axeitada destas temáticas. Cómpre continuar a dar pasos nese sentido, pois só entendendo as violencias machistas como un problema de todas e todos poderemos conseguir á súa eliminación.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia