O Col·legi de Periodistes, o Consell de l'Informació e as universidades catalás únense contra o 'clickbait'

O Consell de la Informació de Catalunya, o Col·legi de Periodistes de Catalunya e as universidades catalás con estudos de xornalismo denuncian os perigos que representa o 'clickbait' para a profesión. Esta práctica, cada vez máis habitual nos medios de comunicación, "pon en risco a veracidade das informacións, xera unha perda de confianza por parte da cidadanía e contradí os principios que todas as facultades de xornalismo asinantes ensinan aos seus alumnos", aseguran. 

 

Col·legi de Periodistes de Catalunya, xunto ao Consell de la Informació de Catalunya e a once universidades catalás (todas as que contan con estudios de comunicación), asinou este mércores 4 de outubro un comunicado en contra do 'clickbait', unha práctica da que denuncian que "vulnera os principios éticos do xornalismo", unha práctica que, como lembran, é cada vez máis habitual nos medios de comunicación. 

O documento lembra os criterios do Código Deontolóxico de Cataluña que estarían en xogo con esta práctica, especialmente o primeiro (Informar de manera axeitada e precisa), segundo (evitar prexuízos por informacións sen fundamento) e noveno (respectar o dereito á privacidade), así como o anexo B, dedicado a recomendacións sobre Internet, que no seu criterio 2 indica que "o produto informativo ten que poder ser identificado como tal sexa cal sexa a súa natureza formal. A distinción entre información e opinión tamén é igualmente esixíbel, así como a diferenciación entre publicidade e información". Se non se cumpren estas normas, salientan as institucións asinantes, "está vulnerándose o Código Deontolóxico e, polo tanto, a norma básica dos xornalistas do país para garantir un xornalismo rigoroso e comprometido coa ética profesional".

O comunicado recoñece que "entra dentro da lóxica xornalista que os titulares sexan rechamantes e atractivos", mais o problema se produce "cando o titular de 'clickbait' incita ao erro, a especulación ou directamente á desinformación", o que se enfronta aos principios do código deontolóxico. Ademais, aseguran, a práctica de relegar a información á que fai referencia o titular ao final da peza, para manter o lector o máximo posíbel na noticia, pode "perverter a estrutura tradicional da pirámide invertida que rexeu historicamente o xornalismo", e os contidos froito de 'clickbait' tenden a unha simplificación da mensaxe e á falta de precisión". 

Ademais, as asinantes denuncian que a proliferación desta práctica "pode facer perder aos medios o seu principal valor ante a cidadanía, que é a credibilidade, xa que unha parte dos usuarios comezan a ser conscientes deste fenómeno e da perda de confianza que lles xera". Ante todo isto, defenden que "o xornalismo non pode deixar de reflexionar sobre a súa función e recuperar a esencia diso que o fai necesario para a sociedade: Ofrecer información veraz e contrastada cumprindo os preceptos do Código Deontolóxico.

Asinan o comunicado o Consell de la Informació de Catalunya, o Col·legi de Periodistes de Catalunya, a Universitat Autònoma de Barcelona, a Universitat Pompeu Fabra, a Universitat Ramon Llull, a Universitat Rovira Virgili, a Universitat de Vic, a Universitat Abat Oliva - CEU, a Universitat Internacional de Catalunya, a Universitat Oberta de Catalunya, a Universitat de Barcelona, a Universitat de Girona e a Universitat de Lleida.

CPXG