O Colexio de Xornalistas reivindica o papel do xornalismo de proximidade no contexto da radio dixital

Con motivo da celebración, este martes 13 de febreiro, do Día Mundial da Radio, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia quere reivindicar a importancia da información de proximidade e as emisoras locais dentro do novo ecosistema radiofónico dixital que haberá marcar o futuro do medio.

Este martes conmemórase, un ano máis, o Día Mundial da Radio. Nesta edición, baixo o lema "Un século informando, entretendo e educando", a Unesco lembra os máis de cen anos do medio radiofónico (91 este ano no caso de Galicia) e chama a reflexionar sobre "o notábel pasado, o presente relevante e a promesa dun futuro dinámico".  

Xustamente con motivo desta data, Radio Nacional de España anunciou estes días o inicio das súas emisións en DAB+, un paso necesario que foi reiteradamente adiado na nosa contorna. Neste sentido, hai que lembrar que a Xunta de Galicia segue sen convocar o concurso para a concesión de licenzas de radiodifusión dixital, o que coloca a nosa comunidade nunha situación de desvantaxe fronte a modernización da radio en Europa. Cómpre esperar que o novo anuncio da RNE sirva de estímulo para unha nova etapa na que se resolvan todos os atrasos acumulados na dixitalización radiofónica. 

Con todo, e na liña do lema escollido pola Unesco para esta edición, é necesario non esquecer que, como xa destacamos noutras edicións, na relevancia presente e pasada da radio, especialmente en contextos como o galego, ten un papel moi importante a súa capacidade de comunicar con inmediatez desde o local. A modernización do medio non pode ser a excusa para un novo desmantelamento das emisoras locais, senón que, polo contrario, debe ser a oportunidade para fomentar as desconexións e a información de proximidade. O Colexio de Xornalistas fai un chamamento a cesar os peches de medios radiofónicos, os expedientes de regulación de emprego e a precarización laboral para apostar por unha radio moderna, próxima e de calidade.  

O Día Mundial da Radio foi estabelecido pola Conferencia Xeral da Unesco en 2011, a proposta da Delegación Permanente de España. A data escollida, o 13 de febreiro, conmemora o día na que se creou a Radio das Nacións Unidas no 1946. Os obxectivos desta celebración son concienciar acerca da importancia da radio, alentar aos encargados de tomar decisións a crear e ofrecer acceso á información a través da radio e mellorar a cooperación internacional entre os organismos de radiodifusión. En todo o mundo, realízanse actividades conmemorativas e programacións radiofónicas especiais.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia