O Colexio de Xornalistas reclama esixir a titulación para acceder á consolidación dos postos de traballo na CRTVG

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia critica que a proposta de convocatoria dun proceso selectivo para a estabilización de postos de traballo na Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) elimine o requisito do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual para acceder aos postos de redacción, e reclama á dirección dos medios públicos que se valore correctamente a titulación que acredita que a información vai ser tratada con profesionalidade. 

En primeiro lugar, e sen esquecer que estas medidas están provocadas en gran parte polas directivas europeas e polas sentenzas xudicias dos últimos anos, o Colexio de Xornalistas ve con satisfacción a mellora da estabilidade laboral que significan a redución da temporalidade e a consolidación de postos de traballo, mesmo se poden resultar insuficientes. A CRTVG arrastraba desde hai anos unhas taxas de temporalidade incompatíbeis co seu labor de servizo público, e calquera decisión que mitigue a precariedade laboral das e dos comunicadores só pode redundar nunha mellora da información á que ten dereito a cidadanía.  

Porén, o Colexio de Xornalistas mostra a súa extrema preocupación polo feito de que na proposta de convocatoria realizada pola empresa para o proceso selectivo de estabilización de prazas temporais non só se permite acceder a determinadas prazas cun perfil profesional claramente informativo sen a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, senón que nin sequera se considera esta como un mérito a valorar de maneira específica. Cando menos na categoría de redactor ou redactora, correspondente a un nivel 1 para o que se require a posesión dun grao ou licenciatura, a titulación que acredita como xornalista debera ser un requisito indispensábel, como xa o foi no proceso de consolidación de postos de traballo da CRTVG realizado en 2012.

Somos conscientes da peculiar situación dos medios públicos galegos, onde os numerosos erros de xestión do pasado provocaron que algúns postos xornalísticos foran ocupados durante anos por persoas sen a titulación correspondente. Sen facer de menos a capacidade que a experiencia laboral puidera facilitar a estas traballadoras e traballadores, o Colexio de Xornalistas insiste, en cumprimento do obxectivo de defensa da profesión que marcan os seus estatutos, en que a titulación en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, ou no seu caso a colexiación, son as garantías de que a información vai ser tratada coa corrección e profesionalidade que corresponde a un posto público. 

Con todo, e de maneira excepcional, o Colexio estaría disposto a estudar neste caso como aceptábeis fórmulas mixtas, sempre que valoren adecuadamente como mérito, nun apartado diferenciado e con peso específico respecto doutros méritos que poidan achegar as persoas aspirantes, a posesión do grao ou licenciatura en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, e que vaian acompañadas de medidas para que no futuro non volvan acceder a estes postos persoas sen a titulación.  

Xunta de Goberno 
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia