O Colexio de Xornalistas celebra o nacemento do Sindicato de Xornalistas de Galicia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) felicítase pola creación do novo Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), organización que naceu onte da súa Asemblea Constituínte celebrada en Santiago de Compostela. O CPXG quere facer público o seu apoio expreso ó Sindicato, con quen comparte a súa alarma pola precariedade laboral que sofren os profesionais da comunicación en Galicia.
O decano do CPXG, Xosé Manuel Vega, asistiu á Asemblea do Sindicato como unha mostra máis dese decidido posicionamento a prol da nova organización. A Xunta de Goberno leva meses colaborando coa Comisión Xestora do SXG para a consecución dun obxectivo longamente desexado polos xornalistas galegos. Neste sentido, o CPXG foi parte activa na organización da "I Xornada sobre precariedade laboral" celebrada en xuño do 2004. Dende entón, e no marco dun convenio asinado entre as dúas partes, o Colexio prestou axuda loxística de diverso tipo de cara a organización da Asemblea Constituínte de onte.

Unha vez máis, o Colexio ofrece a súa colaboración –no marco do disposto polos seus Estatutos- ó novo Sindicato, ó igual que a calquera outra organización ou persoa que traballe pola dignificación do xornalismo.

A Xunta de Goberno do CPXG quere trasladarlle á Xunta Directiva do SXG, encabezada por Xurxo Salgado Teijido, a súa felicitación e os ánimos necesarios para a tarefa que agora afrontan.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro, conta con case 1.100 colexiados repartidos en sete demarcacións.

Santiago de Compostela, 28 de febrero de 2005