O CCG organiza a xornada 'Censuras e silencios nos medios de comunicación'

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Censuras e silencios nos medios de comunicación, que terá lugar na súa sede (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, s/n) en Santiago de Compostela o xoves 5 de maio, en horario das 9:30 ás 19:30 horas. Na xornada vai participar Sonia Vizoso, vicedecana primeira do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, así como outros xornalistas destacados como Marcos Pérez Pena, Víctor Freixanes, María Obelleiro, Xosé Manuel Pereiro, Rosa María Artal, Ana Pardo de Vera, Rosa Meneses ou Nacho Carretero.

Que papel deben cumprir os medios de comunicación na nosa sociedade? Informar ou educar? Existe a censura? Que é iso da guerra informativa? Vivimos nunha encrucillada histórica que obriga a que estas preguntas, sempre de actualidade, volvan formularse con urxencia. Coa urxencia do pensar e do actuar. Nunha sociedade chamada a denominarse da información, medra a mentira e a desinformación como ferramentas de poder e control. Desde a realidade galega, esta xonada quere servir como espazo de reflexión para poder pensar o xornalismo hoxe, cos seus silencios e censuras. O non dito é a medida da liberdade dunha sociedade.

A xornada ábrese ás 9:30 da mañá coa inauguración a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, e Carme Adán, coordinadora da Sección de Pensamento. Ás 10:00, Marcos Pérez Pena, xornalista de Praza Pública, ditará a conferencia inaugural, A situación da prensa en Galicia hoxe, presentada pola xornalista María Xosé Porteiro. Unha hora despois é a quenda da mesa redonda Facer xornalismo en galego, moderada por Luís Álvarez Pousa, director da revista Tempos Novos, e na que participarán Víctor Freixanes, xornalista e presidente da Real Academia Galega, e María Obelleiro, directora de Nós Diario. A sesión da mañá péchase ás 12:30 cunha conversa entre Xosé Manuel Pereiro, director da revista Luzes, e Sonia Vizoso, vicedecana 1ª do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, sobre A liberdade de prensa en Galicia. Derivas e ameazas.

A sesión de tarde comeza ás 16:30 coa mesa redonda Xornalismo de partido? Particularidades (sombras) do xornalismo español, moderada pola xornalista Lara Graña e que contará coa presenza de Rosa María Artal, xornalista e escritora, e Ana Pardo de Vera, directora corporativa e relacións institucionais de Público. Dúas horas máis tarde, Rosa Meneses, redactora de Internacional de El Mundo, e Nacho Carretero, reporteiro de El País, debaterán sobre O prezo de informar en países inseguros, baixo a moderación da xornalista e escritora María Solar. Ás 19:30 porase o fecho á xornada coas conclusións e o acto de clausura. 

A inscrición ás xornadas é gratuíta e o número de prazas é limitado, cubríndose estas por rigorosa orde de inscrición. Máis información aquí.

CPXG