Guía de Proyecto Hombre para o tratamento informativo das adicións

A Asociación Proyecto Hombre publicou recentemente a guía de comunicación Cómo mejorar la información sobre las adicciones, que busca combater os mitos e estereotipos no tratamento informativo desta problemática. Esta ferramenta fornece datos e información científica, propón enfoques axeitados, ferramentas de redacción ou fontes e ofrece alternativas terminolóxicas e de imaxes.

A Asociación Proyecto Hombre vén de publicar a guía para xornalistas Cómo mejorar la información sobre las adicciones. A guía quere ser unha ferramenta para abordar o tratamento informativo relacionado coas adicións dunha maneira menos estereotipada e máis respectuosa, que reflicta a realidade e contribúa á prevención e a unha mellor comprensión deste fenómeno, e está realizada co financiamento do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

A partir da análise das máis de 5.000 aparicións en medios que ten Proyecto Hombre, a asociación ten detectado que moitas das informacións e imaxes sobre as adicións son contidos non contrastados que estigmatizan e danan as persoas que as sofren, transmitindo mitos que desvirtúan a realidade e atribúen ás substancias psicoactivas cualidades que non teñen. Para combater isto, a guía conta cun apartado no que se desmontan mitos arraigados socialmente, así como se fornecen datos e información científica e un glosario. Outros capítulos do documento tentan axudar a usar o enfoque axeitado, dar ferramentas de redacción, buscar fontes ou ofrecer alternativas terminolóxicas e de imaxes. A través de códigos QR, a guía permite tamén acceder a exemplos de boas prácticas no tratamento das adicións ou información adicional.

Na presentación da guía, o presidente de Proyecto Hombre, Alfonso Arana, afirmou que "temos que volver pór na axenda este tema que a miúdo foi esquecido, silenciado e, con risco, normalizado pola sociedade e que, porén, está presente en moitas familias e afecta a persoas de moi diferentes idades, xénero e condición social”.

CPXG