EEUU rexeita facilitar ó xuíz datos de quen mataron a Couso

Estados Unidos non facilitará ó xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz a filiación dos tres militares estadounidenses que mataron en abril de 2003 ó cámara de Tele 5 José Couso.
O conselleiro de prensa da Embaixada en España, John Law, dixo que o seu país xa investigou este asunto e que o Goberno español foi informado do resultado. Ante a ausencia de resposta, o xuíz Pedraz estuda elevar esta negativa á Sala do Penal da Audiencia Nacional e tamén ó Poder Xudicial para que se suspenda o convenio de reciprocidade e colaboración xudicial que existe entre España e Estados Unidos.

O xuíz Pedraz pediu por escrito fai 10 días á Embaixada de Estados Unidos que lle facilitase oficialmente os datos de filiación -nome, idade, domicilio de residencia...- dos tres militares acusados de matar a Couso durante a invasión de Bagdade (Iraq) cun disparo de tanque. Ata o momento non houbo resposta. John Law, conselleiro de prensa da Embaixada de EE UU, explicou que a morte de Couso "xa foi investigada". Este periódico preguntou a Law por que non se facilitaba ó xuíz os datos que este pedira. A resposta de Law foi a seguinte: "Fíxose unha investigación no 2003 e demos os resultados desa investigación ás autoridades españolas apropiadas, ó Ministerio de Xustiza".

"E que conclúe esa investigación?".

"Que os soldados actuaron conforme ás regras de combate operativas na zona", afirmou.

"Pero vaise facilitar ó xuíz os datos que pide?".

"A nosa resposta é a que lle dixen".

O xuíz Pedraz non só pediu por escrito a filiación destes soldados. Un dos funcionarios do seu xulgado, o Central número 1, púxose en contacto telefónico coa Embaixada o pasado mércores para lle lembrar a petición que xa figura por escrito. Na tarde do mércores, este diario falou con Law, que se limitou a dar a resposta antes citada.

O maxistrado necesita a filiación dos tres militares para poder decretar contra eles ordes de busca e captura internacionais. Só dispón dos seus nomes: o sarxento Thomas Gibson, o capitán Philip Wolford e o tenente coronel Philip de Camp.

O xuíz pediu a Interpol que os clasifique en situación de busca e captura internacional. Interpol contestoulle que non pode facelo ata que se lle faciliten as filiacións completas. De aí a petición do xuíz á Embaixada estadounidense, de momento, sen éxito.

Preguntado por este periódico, o maxistrado sinalou que está a estudar a posibilidade de elevar tanto ó Consello Xeral do Poder Xudicial como á Sala do Penal da Audiencia Nacional unha proposta tendente a suspender o convenio de colaboración e reciprocidade xudicial que manteñen España e EEUU. Esta proposta, se fose aceptada, non é baladí. Case constantemente chegan peticións de xuíces estadounidense a España, e particularmente á Audiencia Nacional, solicitando colaboración.

Comisións rogatorias

Á parte de peticións para que se interrogue a persoas relacionadas co gran narcotráfico, ultimamente chegaron decenas de comisións rogatorias de xuíces de EEUU que indagan denuncias de cidadáns dese país en relación coa estafa das cartas nixerianas (os falsos premios da lotería que se realizan desde España e outros países europeos a través de internet). Un xuíz da praza de Castela, en Madrid, comenta: "Cando recibimos peticións de colegas estranxeiros, moitos deles de EEUU, actuamos coa máxima celeridade e cordialidade. Que diría un xuíz americano se nos pide algo e lle dicimos que o noso Goberno xa o investigou...?", pregúntase este maxistrado, que tramitou comisións rogatorias de EEUU.

O xuíz Pedraz reactivou recentemente a orde de detención internacional a efectos de extradición dos tres militares estadounidenses. A morte de José Couso produciuse o 8 de abril de 2003. Matárono dun disparo de tanque. O proxectil foi lanzado desde un tanque Abrams Ml contra o balcón da habitación da súa habitación, no piso 15 do hotel Palestina, desde onde cubría informativamente a toma de Bagdade por EEUU.

A Audiencia é competente

A orde do xuíz Pedraz de detención contra os tres militares inculpados pola morte de José Couso quedou sen efecto cando a Audiencia Nacional entendeu que non era competente para este caso. Porén, a familia de Couso recorreu ó Tribunal Supremo e este resolveu que a Audiencia Nacional si é competente.O xuíz Pedraz atribúe a estes tres militares un delito contra a comunidade internacional e outro de asasinato. Couso tiña a consideración de persoal civil protexido polo Convenio de Xenebra de 1949. A orde de detención impedirá a estes militares viaxar libremente polo mundo. O xeral Pinochet estivo retido en Londres froito dunha orde ditada polo xuíz Garzón. Estados Unidos, que non recoñece á Corte Penal Internacional, non acostuma extraditar ós seus cidadáns. En ocasións negociou a súa impunidade antes de ir a un conflito bélico.

MADRID
EL PAÍS
José Antonio Hernández