Dez televisións públicas únense para ofrecer 'Unha perspectiva europea'

Unha perspectiva europea, unha iniciativa para a compartición de contidos de medios audiovisuais de toda Europa a través dun fluxo de noticias traducidas con intelixencia artificial, comezou a súa andaina este xoves 1 de xullo. O proxecto,que une a dez organismos públicos de radiodifusión, conta coa participación da Radiotelevisión Española.   

Baixo a coordinación da Unión Europea de Radiodifusión, dez medios públicos audiovisuais de toda Europa veñen de se unir na iniciativa Unha perspectiva europea, un servizo de noticias colaborativo que permitira a todos os participantes compartir contidos procedentes de todo o continente superando as barreiras lingüísticas. Deste xeito, as distintas televisións ofrecerán a través das súas webs contidos fiábeis doutros países mediante un fluxo en liña de novias seleccionadas.

Unha pespectiva europea consiste nun fluxo de recomendación de novas que quere axudar aos cidadáns europeos a contextualizar temas que afectan a todo o continente como a pandemia da Covid-9, o cambio climático ou as migracións, con vistas a mellorar o coñecemento sobre como se están a tratar estes asuntos nos países veciños. Cada un dos medios de comunicación públicos pode seleccionar e publicar contidos do resto mediante unha central dixital de noticias específica que usa tecnoloxía de inteligencia artificial para traducir as novas a diversos idiomas. Os organismos poden escoller tamén entre presentar o fluxo de novas nas súas páxinas de inicio ou dentro de calquera peza informativa, destacando así a importancia cada vez maior de proporcionar unha perspectiva europea na cobertura informativa pública.

O servizo colaborativo conta coa participación de televisións públicas de Alemaña (BR/ARD), Bélxica (RTBF), España (RTVE), Finlandia (YLE), Francia (France Télévisions), Irlanda (RTÉ), Italia (RAI), Portugal (RTP), e Suíza (SWI), así como da cadea franco alemá ARTE. No contexto dun proxecto financiado pola Unión Europea, Unha perspectiva europea está complementada por A colección europea, unha selección de documentais, programas de variedades e reportaxes, centrada na política e a sociedade europea, xestionada por ARTE.

CPXG