Constitúese o Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria

Primeira Xunta Directiva do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria

O sábado 15 de xaneiro celebrouse en Santander a asemblea constitucional do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria, que se suma ao resto de colexios de xornalistas do Estado na defensa da profesión. Olga Agüero é a primeira decana do novo colexio, que agrupa a 187 comunicadoras e comunicadores cántabros. Agüero salientou a reivindicación da titulación, a transmisión do xornalismo aos novos e a regulación da publicidade institucional como algún dos principais retos do novo órgano colexial. 

Este sábado 15 de xaneiro celebrouse na sede da Universidad Europea del Atlántico en Santander a asemblea pola que se constituíu o Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria. Coa creación deste colexio, Cantabria súmase ao resto de comunidades autónomas que xa teñen en funcionamento os seus órganos colexiais en defensa da profesión.

Houbo unha única candidatura presentada para a Xunta de Goberno do novo colexio, polo que esta foi proclamada sen necesidade de votación. Olga Agüero, actualmente xefa de prensa do Parlamento de Cantabria, é a primeira decana do Colegio de Periodistas de Cantabria. Agüero ten exercido tamén como redactora en Ediciones Deusto e Cantabria Económica, ademais de traballar como columnista de Opinión en El Diario Montañés e ser responsábel de comunicación da Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP). A Xunta de Goberno complétase con Laro García (elDiario.es) como vicedecano, Teresa Díez (Onda Cero) como secretaria, Jessica Quintero (Europa Press) como tesoureira e José María Gutiérrez (El Diario Montañés), Alexia Gómez (Cantur) e Cristina Dosal (RNE) como vocais. 

No seu discurso, a decana Agüero asegurou que coa creación do Colegio de Periodistas de Cantabria os profesionais cántabros deron "un paso á fronte para dignificar o noso título de xornalistas" e destacou que "é hora de reivindicar a formación universitaria para o beneficio da nosa profesión, fortemente ameazada e desprestixiada polo intrusismo e pola propagación de noticias falsas". Fixo tamén fincapé noutros retos para a comunicación en Cantabria, como transmitir "o bo xornalismo aos novos" e "abordar a situación da publicidade institucional, que ten que ter criterios obxectivos e transparentes". 

Coa constitución do Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria ponse fin a un longo proceso iniciado en 2017, cando a Asociación de la Prensa de Cantabria aprobou a súa creación. En maio de 2019 publicouse o anteproxecto de lei para a constitución do órgano colexial, No momento da súa constitución un total de 187 profesionais estaban inscritos no colexio cántabro. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia da a benvida ao Colegio Profesional de Periodistas de Cantabria e deséxalle ás compañeiras e compañeiros cántabros a mellor das sortes na súa andaina en defensa da profesión. 

CPXG