Consellos de seguranza para a cobertura da guerra en Ucraína

Recompilamos nesta informacións algúns recursos de interese e consellos dirixidos aos e ás xornalistas que vaian trasladarse a Ucraína para informar desde o terreo sobre o conflito bélico iniciado tras a invasión dese país por parte de Rusia.  

A Federación Internacional de Xornalistas e a Federación Europea de Xornalistas veñen de publicar unha serie de consellos para as e os informadores que se despracen a cubrir a guerra de Ucraína desde o terreo. Así, estas organizacións recomendan estabelecer protocolos de seguridade para protexer os contactos, evitar as conexións en directo desde zonas de combate, viaxar de día e en compañía de outros xornalistas, reducir os riscos ou comunicarse coas asociacións locais de xornalistas para estabelecer unha rede de contactos. Ademais, xunto co Sindicato Nacional de Xornalistas de Ucraína abriron unha liña de contacto para xornalistas a través do Facebook do sindicato, os enderezos de e-mail oblik@nsju.org e spilka@nsju.org ou o teléfono de Kiev 0442342096.

A organización internacional Reporteiros sen Fronteiras (RSF) ten publicado un completo Manual de seguridad para periodistas, que recolle referencias e consellos prácticos para informar desde zonas de risco. Esta guía informa sobre como preparar a viaxe, garantir a seguridade no traballo xornalístico (tanto a física como a dixital), pór en marcha boas prácticas nas redaccións ou curar as feridas físicas e psicolóxicas que se poidan producir. Por último, inclúense tamén textos de referencia, contactos e información sobre seguros e cursos de formación. 

Outros organismos teñen tamén publicacións que poden ser de interese para a cobertura desta guerra. O Instituto de Información de Masas ucraíno realizou unhas recomendacións específicas para este conflito, das que se fixo eco RSF. E o Consell de l'Información de Catalunya lembrou a súa Recomendación sobre o tratamento de conflitos bélicos ou armados, con normas para realizar unha información responsábel en situacións de guerra. E, por suposto, como en todas as informacións, sempre é de obrigado cumprimento o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego

Por último, tamén é recomendado para os xornalistas que viaxen a zonas de conflito identificarse, ademais de co carné que os acredita como colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, co da Federación Internacional de Xornalistas, a acreditación de prensa máis antiga e con maior prestixo en todo o mundo. 

CPXG