Celébrase o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas

Con motivo da celebración do Día para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas este xoves 2 de novembro, a Organización das Nacións Unidas lembra que persiste moitos ataques sen resolver e que ademais se desenvolveron novos tipos de ameazas aos profesionais da comunicación, polo que pide compromiso para seguir a avanzar na loita contra a impunidade. A Federación Internacional de Xornalistas reclama leis claras e aplicábeis para a protección das e dos xornalistas e insiste na necesidade dunha convención internacional vinculante sobre esta materia. 

O 2 de novembro celébrase o Día Internacional para Pór Fin á Impunidade dos Crimes contra os Xornalistas estabelecido no ano 2013 polas Nacións Unidas para denunciar a falta de castigo para os asasinatos de xornalistas e lembrar que sen garantías da seguridade dos e das informadoras, é toda a sociedade a que sofre unha falta de liberdade de información e de dereitos. Este ano, o lema escollido para a celebración deste día é "A violencia contra os xornalistas, a integridade das eleccións e o papel do liderado público", e quérese sensibilizar a opinión pública sobre os principais desafíos que enfrentan os e as xornalistas no exercicio da súa profesión, e tamén sobre a escalada de violencia na súa contra, especialmente no contexto da cobertura de protestas sociais e durante os periodos electorais.

As Nacións Unidas aseguran que desde a aprobación do seu Plano de Acción sobre a seguranza dos xornalistas, este asunto "adquiriu unha maior visibilidade" dentro da organización, "como demostra o crecente número de declaracións, resolucións e outros textos normativos" ao respective, e lembra que a protección das e dos comunicadores forma parte tamén da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentábel. Con todo, sinala, "malia a estes logros, queda moito camiño que percorrer": persiste o alto índice de impunidade e danse novas formas de ameazas sen precedentes, polo que reclaman reafirmación e compromiso para seguir avanzando no plano de acción.

Pola súa banda, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) reivindica a necesidade de que os gobernos condenen, investiguen e deteñan a quen mata, acosa e intimida aos e ás xornalistas, ao tempo que deben promulgar "leis claras e aplicábeis" para protexer a súa seguridade. Desde a organización lembran que malia a todos os esforzos, en 2022 morreron 68 xornalistas no exercicio da súa profesión, e este ano espérase que o número de vítimas mortais sexa máis elevado, por mor dos conflitos en curso en Ucraína e Palestina. A FIP sinala a Camerún, India, Kosovo, México e Palestina como países onde a taxa de impunidade é particularmente preocupante e onde a falta de reacción das autoridades públicas "transmiten a mensaxe de que é unha práctica normal facer a súa". A FIP reitera tamén a necesidade dunha Convención vinculante da ONU sobre a seguridade e a independencia de xornalistas e profesionais dos medios, e insta aos gobernos a adoptala.

CPXG