Bota a andar TEMS, un consorcio por un espazo común de datos para os medios europeos

A semana que vén comeza a súa andaina o consorcio Trusted European Media data Space (TEMS), integrado por 43 organizacións e empresas de quince países distintos para crear un ecosistema compartido de datos, de acceso seguro e aberto, para contribuír á transformación dixital e mellorar a competitividade dos medios de comunicación de todo o continente europeo. 

O vindeiro martes 24 de outubro preséntase de maneira oficial o consorcio Trusted European Media data Space (TEMS), un proxecto para crear un espazo común de datos para o sector audiovisual e de medios de comunicación de todo o continente europeo. Logo de dous anos de preparación, o consorcio, integrado por 43 organizacións tecnolóxicas e de medios dunha quincena de países, bota a andar cunha inversión de 16,5 millóns de euros e o apoio do programa Digital da Comisión Europea. Para a presentación en sociedade, está programada unha xornada na sede da EITB Media en Bilbao coa participación de distintos ponentes. 

TEMS busca deseñar e implementar un espazo de datos común para a industria dos medios de comunicación europea, de acceso seguro e aberto, co fin de contribuír á transformación dixital e mellorar a competitividade. A idea é fomentar o desenvolvemento económico e o crecemento futuro dos ecosistemas de medios locais e rexionais en toda Europa. En concreto, o proxecto pretende liderar a implantación a gran escala de servizos, infraestruturas e plataformas de última xeración. Tamén abordará a loita contra a desinformación, a análise de datos de audiencia, a mellora dos fluxos de datos na produción audiovisual e o apoio á adopción de tecnoloxías de intelixencia artificial e realidade virtual no sector.

O consorcio está coordinado por Innovalia Association e reune ás seguintes organizacións e empresas: 1001 Lakes, ACATECH - Deutsche Akademie der Technikwissenschaften, Agence France-Presse, Arctur, Asociación para el Desarrollo de la Economia del Dato (BAIDATA), Athens Technology Center, Austria Presse AgenturCAP Digital, Comité Internacional das Telecomunicacións de Prensa, Commission Superieure Technique de l’Image et du son, Consultores de Automatización y Robótica, Cultural Broadcasting Archive, Dawex Systems, De Vlaamse Radio en Televisieomroeporganisatie, Deutsche Presse-Agentur, EITB Media, Engineering - Ingegneria Informatica, Fincons Group, France Télévisions, Fundación Europea da CulturaHenneo, Икономедиа (Ikonomedia), Institut National de l’Audiovisuel, International Data Spaces, ISAN International Agency, Media City Bergen, Media-IO, Orange Business Services, Panodyssey, Procirep (Société des Producteurs de Cinéma et de Télévision), Schickler Unternehmensberatung, Sociedad de Proyectos para la Transformación Digital, Software Quality Systems, Startin’Blox, Swiss TXT, The Netherlands Institute for Sound & Vision, a Unión Europea de Radiodifusión e a Asociación Internacional de Editores de Prensa WAN-IFRA.

CPXG