As protagonistas de Xeración Contrainfo e A Tribo piden empatía para informar sobre migrantes e saúde mental

Diana Viveros, Helena de Lima e Viktoria Sousa (Ryuu), protagonistas de Xeración Contrainfo e A Tribo, expuxeron onte os resultados destes dous proxectos de comunicación participativa sobre os discursos de odio e saúde mental, nunha xornada organizada en Santiago polo Colexio de Xornalistas e Agareso. 

O Centro Internacional de Prensa de Galicia de Santiago de Compostela acolleu este mércores a presentación de Xeración Contrainfo e A Tribo, nunha xornada organizada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), coa colaboración da Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela e o Centro Internacional de Prensa de Galicia (CIPG). Diana Viveros, Helena de Lima e Viktoria Sousa (Ryuu), protagonistas dos proxectos, expuseron os resultados destes programas centrados na loita contra os discursos de odio e o traballo de mozos e mozas vulnerables sobre a saúde mental. O acto foi introducido por Sonia Díaz, do equipo de organización de Agareso, quen salientou que “necesitamos que as persoas migrantes, xitanas e vulnerables teñan acceso á representación mediática de maneira máis directa”. 

Xeración Contrainfo

Xeración Contrainfo foi un programa desenvolvido con alumnado de Secundaria da Coruña, Lugo e Compostela, co que se traballaron os discursos de odio, coa colaboración das entidades Sen Valos, Arraianas e a Fundación Secretariado Xitano. Tras unha enquisa nas aulas, os datos reflicten que existe un discurso racista e machista evidente entre o alumnado, que tivo acceso a escoitar ao testemuño de persoas obxecto dese odio para poder empatizar coa poboación que sofre ese tipo de discursos. 

Unha desas persoas é Diana Viveros, unha muller colombiana que reside en Santiago dende hai poucos meses, que relatou na sesión a súa experiencia co racismo na cidade. "Se hai unha cadeira baleira no autobús é a que está ao meu lado", sinalou como un exemplo cotián de comportamentos racistas que atopou na rúa, nas oficinas de atención das diferentes administracións públicas ou nas entidades bancarias. "É preciso entender e interiorizar que a realidade das persoas que chegan non é tan distinta da das persoas que viven nel", destacou. Viveros pediu que se entenda a realidade das persoas migrantes como seres humanos: "Pode que nos vexamos materialmente diferentes, pero a cada paso podemos confirmar que en moito, case en todo, coincidimos".

A Tribo 

Dúas adolescentes que formaron parte do equipo da Tribo, Esta terceira edición estivo capitaneada por rapazada titelada, ex-titelada, migrante ou vulnerable social nesta edición, Helena de Lima e Viktoria Sousa (Ryuu), relataron como a saúde mental foi o tema escollido para os seus traballos de comunicación este ano, que se materializaron en dúas curtas de ficción, entrevistas e unha campaña co lema A nosa saúde mental (tamén) depende de ti. As rapazas contaron como lles preocupa que os servizos de atención á saúde mental no sistema sanitario público estean saturados e a sensación de que só se empregan tratamentos farmacolóxicos e faltan a axuda e o acompañamento necesarios. “Todo adolescente necesita un pouco de axuda”, salientaron. 

A Tribo é unha experiencia de comunicación participativa deseñada por Agareso e Igaxes que conta co apoio da Fundación “la Caixa” dende 2018. O programa busca que rapazada tutelada, ex-tutelada, migrante ou vulnerable social ou economicamente o tome a palabra para falar de si mesma desde un traballo xornalístico cidadán. 

As protagonistas da xornada enviaron unha mensaxe clara aos xornalistas para que non reproduzan estereotipos ferintes das persoas migrantes e aborden con empatía as informacións que elaboran nos medios de comunicación. 

CPXG