Almorzo On/Off este xoves na Coruña con José Ramón Gómez Besteiro, delegado do Goberno

José Manuel Gómez Besteiro na súa toma de posesión como delegado do Goberno en Galicia

O recén nomeado delegado do Goberno en Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, participará este xoves 13 de marzo nunha nova edición dos Almorzos On/Off na Coruña. O encontro terá lugar a partir das 10:30 horas na Fundación Luis Seoane (Rúa San Francisco, 27).

A demarcación da Coruña do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) organiza este acto que dará comezo ás 10:30 horas co 'OFF' para colexiados e colexiadas, para dar paso despois ao 'ON', a rolda de prensa de libre acceso, ás 11:15. Os medios gráficos poderán tomar imaxes, non audio, antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa. Por motivos de organización, para poder asistir á parte OFF é imprescindible inscribirse enviando un mail a xornalistas@xornalistas.gal ou chamando ó 981 93 56 70. Aforo limitado.

José Ramón Gómez Besteiro

Nado en 1967 en Lugo, José Ramón Gómez Besteiro é licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e avogado de profesión. Comezou a militar no PSdeG-PSOE, partido no que desenvolveu toda a súa carreira política, aos 31 anos. 

Entre 1999 e 2007 foi portavoz do goberno socialista do Concello de Lugo, concelleiro de Urbanismo e deputado Provincial. Presidente da Deputación de Lugo dende xullo de 2007 até xuño de 2015, centrou o seu traballo no emprego, a economía medioambiental, as novas tecnoloxías e a loita contra o despoboamento. Dende o organismo provincial creou unha rede pública de residencias e centros de día, a transferencia dos hospitais ao Sergas, a creación da UNED en Lugo, a construción dun centro de recría de gando e a posta en marcha dunha rede provincial de parques de bombeiros.

Secretario xeral da Agrupación de Lugo ata 2012, cando asumíu a secretaría provincial, en setembro de 2013 foi elixido secretario xeral do PSdeG-PSOE no Congreso Extraordinaria, no que obtivo o 95 por cento dos votos, logo de vencer nas eleccións primarias do PSdeG-PSOE. Mais en marzo de 2016 renunciou á secretaría xeral do partido e a ser o candidato á Xunta de Galicia, logo de ser imputado pola xuíza Pilar de Lara como presunto autor de varios delitos. As causas foron finalmente arquivadas e a xuíza inhabilitada e sancionada polo Consello Xeral do Poder Xudicial. Tras varios anos ausente da política activa, o pasado mes foi nomeado Delegado do Goberno en Galicia. 

Almorzos ON/OFF

Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.

O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. 

Demarcación da Coruña
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia