Aberto até o 15 de xullo o prazo para que xornalistas noveis opten á IX Bolsa Nacho Mirás
Esta mañá presentouse en Santiago a novena bolsa ‘Nacho Mirás’ para xornalistas noveis, organizada e desenvolvida polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e patrocinada por Abanca, coa colaboración da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, destinada a promover proxectos xornalísticos de novos e novas tituladas en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual. A recepción de propostas está aberta até o 15 de xullo de 2024.
O acto de presentación foi aberto pola vicedecana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Alba Silva Rodríguez, quen destacou que esta iniciativa leva o nome de Nacho Mirás, un xornalista que deixou unha "fonda pegada" no centro e que loitou moito "polo espírito de facerse valer". No nome do decanato, agradeceu ao Colexio de Xornalistas e a Abanca a continuidade da bolsa e deu os parabéns a Cinthia Piñeiro, ex alumna da facultade, por ser merecedora da bolsa na pasada edición.
A continuación, Ramón Mariño Pérez, director de Zona de Abanca en Santiago, lembrou que "levamos desde o ano 2016 colaborando con esta iniciativa" que representa "un apoio para os novos xornalistas nun momento clave das vosas vidas". Mariño salientou o interese de "apostar por unha aposta propia, polo emprendemento" e a contribución que os proxectos gañadores fan ao ecosistema mediático galego, ademais de manter vivo o legado de Nacho Mirás. Ademais, manifestou que Abanca defende firmemente o espírito da bolsa e confirmou que vai seguir colaborando coa mesma.
Finalmente, Xaime Leiro, da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, asegurou que esta iniciativa é "moi querida" polo CPXG por dúas razóns: porque leva o nome de Nacho Mirás, un exemplo a seguir "que fixo o indicible por dignificar a profesión"; mais tamén por estar centrado nas novas xeracións, que marcarán "o que sexa o futuro dos medios de comunicación nos próximos anos". Fixo fincapé en que esta bolsa quere animar ás e aos xornalistas noveis a pór en marcha as súas iniciativas, resaltando que tamén se acepta o desenvolvemento de proxectos presentados como traballo de grao ou de máster.
Quen son elas?
Quen son elas?, un proxecto de Cinthia Piñeiro Acevedo, é un programa radiofónico en formato podcast que pretende abrir un espazo de difusión aos deportes minoritarios e minorizados en Galicia, mais tamén o de ter a ollada posta na perspectiva de xénero. Cada programa estará formado por unha entrevista a deportistas ou persoas con cargos vinculantes no deporte, acompañada de dúas seccións secundarias que irán alternando entre as seguintes: Efemérides (reportaxes sobre días conmemorativos oficiais vinculados co deporte e coa data de publicación), Faino como Switzer (historias de deportistas galegas veteranas), Os clásicos galegos (sobre deportes tradicionais) e Pequenas promesas (informacións das campioas que xa comezan a dar os seus primeiros resultados en competicións de alto rendemento).
Piñeiro Acevedo agradeceu ao Colexio de Xornalistas, Abanca e a Facultade de Ciencias da Comunicación a oportunidade para pór en marcha este proxecto que, como relatou, naceu para un traballo fin de grao como unha reportaxe "e agora, grazas á Bolsa Nacho Mirás, puiden enfocalo co medio de comunicación que me apaixona: a radio". O obxectivo de Quen son elas?, asegurou, é o triple: "dar cobertura a todas as disciplinas deportivas por igual, atender á perspectiva de xénero e poñer o foco na nosa comunidade autónoma".
A bolsa Nacho Mirás para xornalistas noveis
Poderán concorrer a esta convocatoria titulados nos últimos cinco anos (2024, 2023, 2022, 2021 ou 2020) en Xornalismo ou Comunicación Audiovisual, con proxectos inéditos e sen ningún outro tipo de financiamento nin privado nin público. As propostas poden ser de traballos xornalísticos de calquera xénero, iniciativas para un novo medio ou proxectos que teñan como finalidade a información e a comunicación. A bolsa ten unha dotación de 6.000 euros, que poderá ser dividida se o xurado así o considera.
As persoas interesadas deben enviar por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal a documentación que se especifica nas bases da convocatoria. Valoraranse todas aquelas características que o xurado considere que poidan destacar para un proxecto xornalístico, tendo en conta tamén a orixinalidade, que poida supor unha solución profesional e teña viabilidade futuro, a calidade do proxecto, o seu impacto social, que se materialice en galego e pertencer ao Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia.
O xurado que avaliará os traballos presentados estará formado por Ainhoa Apestegui, Isaac González, Darío Janeiro, Xosé López, Xosé Manuel Pereiro, Francisco G. Sarria, Xoán Soler e Fernando Varela. O fallo do xurado darase a coñecer nas semanas seguintes á data límite de recepción de propostas.
A bolsa leva o nome do xornalista, colexiado do CPXG e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, Nacho Mirás, que sempre defendeu a valía dos xornalistas noveis, o espírito de facerse valer, de formase o máximo posible e defender así o posto de informador, de xornalista. Esta bolsa pretende ser un pequeno empuxe para eles e elas, para que atopen o seu camiño profesional. Nas edicións anteriores, foron galardoados coa bolsa os proxectos MediaMapa.Gal e Punto e volta (2016), Feira (2017), Pícaros.gal (2018), Entrelinguas (2019), éDeporte (2020), A Cousa e Zoom na Bagatela (2021), Notas á marxe (2022) e Quen son elas? (2023).
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei 2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).