A xustiza non admite como proba a espionaxe a xornalistas no caso Cursach

Nun novo episodio das consecuencias da invasión do secreto profesional no caso Cursach, o Tribunal Superior de Xustiza balear, que xulga o xuiz, o fiscal e os investigadores do mesmo, vén de declarar como non admisíbeis todas as evidencias procedentes dos listados de chamadas entre os informadores e os policías procesados, ao considerar que foron obtidas "violentando os dereitos fundamentais" dos xornalistas.

A Sala Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza das Illas Baleares, que está a iniciar o xulgamento contra o xuíz Penalva e o fiscal Miguel Ángel Subirán, investigadores do coñecido como caso Cursach, así como contra catro policías nacionais, resolveu esta semana, nas cuestións previas á causa, non admitir como proba os listados de chamadas entre os informadores e os policías procesados. A sala considera que a espionaxe a xornalistas e a incautación dos seus móbiles foi ilegal, na liña do que xa se estabelecera en xaneiro deste ano, e polo tanto non poderán ser tidas en conta. 

En concreto, o auto do TSX balear entende que as comunicacións entre xornalistas e policías "arrancan e non son alleas ao segredo profesional e das comunicacións dos xornalistas", vulnerado como xa declarou a Sala de Apelación do mesmo tribunal en resolucións anteriores. As evidencias terían sido obtidas, xa que logo "violentando os dereitos fundamentais" dos informadores. Porén, o tribunal admite que as filtracións dos policías aos comunicadores poderán demostrarse se se fai por outros medios de proba lícitos.

O caso Cursach ten sido un dos principais asuntos xudiciais arredor dos dereitos profesionais dos xornalistas, desde que en decembro de 2018 o xuíz Florit ordeara realizar rexistros, requisición de material e investigación das súas comunicacións conra informadores do Diario de Mallorca e as delegacións baleares de Europa Press e Efe, unha decisión que provocaría posteriormente a súa imputación. Os tres medios vítimas do ataque xudicial foron candidatados en 2019 ao Premio José Couso de Liberdade de Prensa. 

CPXG