A Unesco e a Socolac poñen en marcha un programa de apoio a xornalistas desprazados ou en risco en América Latina

A Unesco e a Sociedad Latinoamericana de Corresponsales en América Latina y el Caribe únen as súas forzas para impulsar un proxecto de apoio a xornalistas exiliados ou ameazados nunha das rexións máis perigosas para o exercicio do xornalismo, onde uns 200 comunicadores foron asasinados nos últimos dez anos. O programa, radicado nun primeiro momento en Costa Rica, facilitará ferramentas para informar, así como formación, apoio psicolóxico e asistencia legal. 

A Unesco, a través do seu Programa Internacional para o Desenvolvemento da Comunicación, e a Sociedad Latinoamericana de Corresponsales en América Latina y el Caribe (Socolac) veñen de anunciar a posta en marcha dun programa de apoio a xornalistas desprazados, no exilio ou en situación de risco polo exercicio da profesión en América Latina. A iniciativa forma parte do proxecto global da Unesco "Apoiar espazos seguros para xornalistas en situacións de conflito" e busca mellorar a protección do xornalismo nunha das rexións máis perigosas do mundo para esta profesión.

Segundo os datos da Unesco, máis de 200 xornalistas foron asasinados en América Latina e o Caribe nos últimos dez anos, un dato ao que hai que sumar as ameazas, agresións e outros ataques contra a liberdade de expresión que son habituais na rexión e obrigan ás e aos comunicadores a exercer a súa profesión desde o exilio ou a clandestinidade. Reporteiros Sen Fronteiras lembraba este ano na súa Clasificación da Liberdade de Prensa que xa ningún país do continente ten unha situación boa para o xornalismo e que a polarización e a inestabilidade institucional de varios países da rexión fomentan a hostilidade e os receos cara aos medios. 

O novo programa facilitará ás e aos xornalistas desprazados ou ameazados ferramentas para levar a cabo o seu traballo, como salas de redacción e creación espazos seguros de traballo, ademais de facilitarlles asistencia legal, apoio psicolóxico e formación en xornalismo e xestión de medios. O proxecto vai comezar a pórse en funcionamento no segundo semestre deste ano, cunha etapa piloto radicada en San José de Costa Rica, pero que favorecerá a profesionais de distintos países, e conta coa colaboracións de diversas organizacións locais, rexionais e internacionais. Co tempo, planéase impulsar programas similares en toda América do Sur e o Caribe.

CPXG