A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas insta ao Goberno á revisión e modificación do IAE e CNAE para dar cobertura á actividade dos xornalistas

A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas solicita aos ministerios de Facenda e de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a creación dun epígrafe específico para xornalistas e profesionais da información e a comunicación e a asignación definitiva e non provisoria dun código CNAE único e específico para o sector xornalístico. Con esta petición, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas pretende corrixir o prexuízo ocasionado pola ausencia destes epígrafes á hora de acceder a axudas, concursos ou licitacións públicas.

Nas cartas remitidas aos responsábeis de ambos os dous ministerios, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas suxire que a descrición do epígrafe do IAE inclúa as distintas actividades que habitualmente desenvolven os xornalistas: obtención, tratamento, interpretación e difusión de informacións ou contidos a través de calquera medio escrito, oral, visual, dixital ou gráfico; asesoramento e execución de plans de comunicación institucional ou corporativa.

Para a realización desta solicitude formal, que a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas fai tamén extensíbel a todos os grupos parlamentarios, baséase en que a actividade exercida no xornalismo é profesional e non artística ou artesá, e xa que logo a súa agrupación e identificación ten que estar no marco daquelas que se encadran, como o fan os estudos universitarios que a cualifican, no ámbito xurídico e social e non no humanístico ou artístico. Por esta razón, a Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas espera que a súa solicitude sexa atendida e a Axencia Tributaria do Goberno de España poida incorporar esta revisión e modificación do IAE para dar cobertura á actividade dos xornalistas e os profesionais da información e a comunicación, incluíndo esta novidade no texto da próxima Lei de Orzamentos.

Esta dupla solicitude busca dignificar o exercicio xornalístico a través dun axeitado recoñecemento desde o punto de vista económico, laboral e tributario; especialmente na faceta que afecta ao desenvolvemento das diferentes actividades que realizan os xornalistas por conta propia ou como iniciativas empresariais ou emprendedoras.

REDE DE COLEXIOS PROFESIONAIS DE XORNALISTAS