A FeSP denuncia que España non aplicou as recomendacións da Comisión Europea para xornalistas

A Federación de Sindicatos de Xornalistas está a colaborar na realización dun estudo para coñecer o grao de aplicación das recomendacións realizadas pola Comisión Europea en setembro de 2021 para a protección das e dos xornalistas. Co traballo aínda por rematar, a Federación xa adiantou que España non puxo en marcha ningunha das medidas propostas, entre as que se encontraban a protección nas manifestacións e propostas, cursos de formación específicos, campañas de sensibilización ou a recolla de datos sobre agresións. 

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP) denunciaba este martes 10 de outubro que o goberno español non puxo en marcha aínda practicamente ningunha das medidas propostas pola Comisión Europea (CE) no 2021 para a protección, a seguridade e o empoderamento dos e das xornalistas. A FeSP está a colaborar, xunto a outras organizacións, na realización dun estudo da CE para coñecer o grao de aplicación desas recomendacións. Aínda que o traballo aínda non finalizou, a Comisión xa constatou que en España non se implementou ningún plan ou lexislación específica sobre esta materia nin outras medidas. 

En setembro de 2021, a Comisión Europea aprobou as súas recomendacións para a protección, a seguridade e o empoderamiento dos e das xornalistas, co obxectivo de reforzar a liberdade e o pluralismo dos medios de comunicación dentro da Unión Europea, logo de constatar un aumento nos anos anteriores das ameazas, ataques, intimidacións e presións contra profesionais da información nos estados membros.

Entre as recomendacións da Comisión que non se implementaron en España están a adopción de medidas específicas para protexer os e as xornalistas nas manifestacións e protestas, a creación dun protocolo para manter un diálogo entre as autoridades policiais e a profesión ou a  facilitación de asistencia xurídica ou psicolóxica oficial. Tampouco se puxeron en marcha cursos de formación específicos centrados nas minorías e a violencia contra as mulleres xornalistas, nin unha protección social específica que teña en conta as peculiaridades do traballo xornalístico, nin grupos de traballo para previr os ataques e ameazas en liña. Por último, non se están a recompilar datos oficiais sobre as agresións e discriminación das mulleres xornalistas, as minorías ou os profesionais que informan sobre asuntos de igualdade nin se desenvolveron campañas de sensibilización para combater a violencia contra os e as xornalistas.

A pasada lexislatura si viu algúns movementos políticos dirixidos cara a mellora das condicións dos xornalistas. Así, iniciáronse os procesos para modificar a Lei Orgánica 4/2015, de 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, coñecida como Lei Mordaza, así como o proxecto de Lei Orgánica de Protección do Segredo Profesional do Xornalismo. Con todo, estes dous cambios lexislativos tampouco foron aprobados, por causa da disolución das Cortes co gallo da convocatoria de eleccións xerais. 

CPXG