Os xornalistas reclaman ó goberno a convocatoria dunha mesa para analizar o impacto da crise nos medios de comunicación

Dossieres

Os xornalistas queremos manifestar a nosa profunda preocupación polo impacto da crise nos medios de comunicación.

Consideramos que os despedimentos, regulacións de emprego e peche de medios alcanzan tales dimensións que, máis alá do problema laboral que representan, afectarán á calidade da información e á pluralidade de voces que precisa unha democracia.

No caso dos medios de comunicación, á recesión global súmase unha crise de modelo xerado polo cambio de hábitos sociais e polo impacto das novas tecnoloxías. Xa que logo, consideramos que toda reestruturación debe contemplar proxectos de futuro que garantan a continuidade dos medios e non se centren unicamente na redución de cadros ou en prescindir dos xornalistas que traballan como colaboradores.

A función social dos medios de comunicación xustifica a demanda de axuda pública por parte dos editores. Pero estas axudas ós medios deben estar sempre vinculadas a proxectos que teñan como primeiro obxectivo preservar o emprego e asegurar o futuro das empresas. O traballo dos profesionais constitúe o principal valor dos medios e a garantía de servizo á sociedade. Neste sentido, entendemos que os editores deben contar coa achega dos profesionais á hora de buscar alternativas e deseñar as estratexias de futuro para superar a crise.

Os xornalistas queremos lembrar á sociedade que toda perda de calidade e pluralidade na información significa un retroceso nos valores da democracia. Por iso, sinalamos ó Goberno que non pode permanecer alleo ó esforzo colectivo que será necesario para superar a crise dos medios de comunicación e lle solicitamos a convocatoria dunha mesa de estudo da situación coa presenza de todas as organizacións profesionais e de todos os actores da comunicación. En tanto non se celebre esta reunión, pedimos ás administracións que paralicen a autorización de calquera readaptación laboral mediante un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) ou procedementos semellantes.

Asociación de la Prensa de Madrid
Comisiones Obreras - FCT
Col·legi de Periodistes de Catalunya
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Federación de Sindicatos de Periodistas - FeSP
Unión General de Trabajadores - FES

Documentación