O CPXG rexeita a violencia machista e chama a aplicar as recomendacións da Declaración de Compostela

Dossieres

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) quere expresar o seu rexeitamento á violencia machista en calquera manifestación que adopte, e chamar á tolerancia cero fronte ás agresións, asasinatos, abusos, violacións, acoso e discriminación que sofren as mulleres.

Así mesmo, chamamos aos medios de comunicación para que promovan tolerancia cero e rexeitamento social cara a esta violencia, condena fronte aos que a perpetran, solidariedade coas vítimas, concienciación social sobre as dimensións do problema, as súas raíces e as súas consecuencias. Tamén para que actúen, como fixeron até o de agora, para axudar a visibilizar a violencia machista e actuar de aguillón para que dende as instancias responsábeis se adopten as medidas necesarias para a súa solución.

Desde o CPXG impelimos aos medios a aplicar na práctica diaria as recomendacións para a mellora no tratamento da violencia de xénero recollidas na Declaración de Compostela, asinada en 2004 por profesionais da información e expertas e expertos no tratamento da violencia de xénero. Chamamos a abordar a violencia machista con compromiso e responsabilidade social, como problema social e político e gravísima vulneración dos dereitos humanos das mulleres, e nunca como unha sucesión de episodios illados de crónica negra. Dende o CPXG rexeitamos a abordaxe informativa da violencia machista como un suceso máis envolto en tratamentos sensacionalistas dirixidos máis á captación de audiencias e o morbo que á xeración de conciencia social.

O CPXG pide o máximo respecto coa intimidade das vítimas e as súas familias, o que implica non desvelar a identidade tanto de maneira directa, con nome e apelidos, como de forma indirecta. Chamamos, así mesmo, a que dende os medios se faga cobertura sempre das sentenzas e condenas xudiciais aos agresores, co fin de promover a condena social e loitar contra a sensación de impunidade. O CPXG lembra tamén que a información sobre violencia machista ha ser acompañada sempre de información útil ás vítimas, como o teléfono de atención ás mesmas.

O CPXG recorda que a violencia machista non é nunca un crime pasional senón a manifestación máis crúa dunha relación de poder que relega ás mulleres a unha posición subordinada. Os medios deben evitar tratamentos ou testemuños que xustifiquen ao agresor ou culpabilicen á vítima. Violencia machista son tamén, ademais das agresións e asasinatos no ámbito da parella, as violacións, abusos e agresións sexuais, a violencia machista contra as nenas, o maltrato psicolóxico, o acoso laboral e sexual, a explotación sexual e o tráfico de mulleres. Violencia de xénero non é só unha violencia física, senón unha violencia estrutural e simbólica que tamén pode manifestarse como violencia cultural, económica e institucional.

Loitar contra a violencia machista é loitar pola igualdade e contra a discriminación de xénero na sociedade, polo cambio dos roles tradicionais asumidos por mulleres e homes. Os medios han desbotar abordaxes discriminatorias para coas mulleres e o seu tratamento como mero obxecto, e contribuír a visibilizalas en todos os roles que ocupan e en todas as realidades que lles afectan de maneira específica. Da loita contra a violencia machista todas e todos somos responsables, como profesionais dos medios e como persoas.

Xunta de Goberno do CPXG

Documentación