O CPXG felicita ás tres forzas políticas parlamentarias polo acordo sobre a reforma da CRTVG

Dossieres

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), felicita ás tres forzas políticas parlamentarias galegas polo acordo ao que chegaron para debater no actual período de sesións a reforma da CRTVG.

Unha reforma que xa tiñan demandado, en diferentes momentos e circunstancias, aos tres grupos políticos, e sobre todo viñan reclamando a profesión xornalística, que legalmente representa o CPXG por decisión dese mesmo Parlamento hai dez anos, os traballadores da propia CRTVG e un amplo sector da cidadanía, concretado nos suscribintes da iniciativa popular que chegou á cámara galega hai dúas lexislaturas.

A Xunta de Goberno do CPXG valora tamén positivamente que o acordo parlamentario marque o comezo dun debate que parecía abocado a outra demora inexplicable, e que contemple demandas tradicionais do CPXG, como a elección do director xeral da CRTVG por unha maioría cualificada do Parlamento e a profesionalización do seu Consello de Administración.

Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Documentación