Intereconomía deixa a TDT en aberto
A semana pasada, Intereconomía TV quedaba sen sinal e mostraba a mensaxe de "proximamente nova programación". A canle explicaba que suspendía as emisións para volver cunha nova estratexia, na que só emitiría en aberto para Madrid e a Comunidade Valenciana.
No resto do Estado seguirán emitindo pero farano a través de plataformas de pagamento.
Intereconomía TV pon fin así a unhas emisións en aberto que iniciara en xullo de 2005. A canle levaba xa meses nunha difícil situación, con falta de pagamentos, tres Expedientes de Regulación de Emprego consecutivos e a fuxida dalgúns dos seus principais presentadores a outras canles.
Nos últimos meses, anunciárase que o Real Madrid podería facerse coa canle para emitir Real Madrid TV en aberto, mais a complicada situación económica e laboral de Intereconomía, e a incertidume sobre o peche de emisoras por parte do Goberno trala sentencia do Tribunal Supremo impediron a operación.
Neste dossier, recollemos algunhas das informacións que precederon á desaparición de Intereconomía da oferta da TDT en aberto en Galicia.