Dez anos do premio José Couso

Dossieres

A Galería Sargadelos de Ferrol acolleu esta semana a presentación do X Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’.

O premio honra a memoria do cámara ferrolán José Couso, disparado no Hotel Palestina de Bagdad o 8 de abril de 2003, mentres cubría o conflicto bélico en Iraq para os informativos de Tele 5.

Ata as 20:00 horas do 5 de marzo poderanse presentar as propostas que se van anunciar como definitivas o día 7 de marzo. O 8 de abril darase a coñecer o fallo do xurado, composto polos colexiados e colexiadas do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa. O 30 de abril terá lugar o acto de entrega en Ferrol que contará co Concerto pola Liberdade a cargo da Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalabe e a estrea dunha obra musical do compositor coruñés Xavier de Paz.

Nos últimos meses tamén se produciron novas informacións en relación coa investigación da morte do cámara ferrolano. O xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, enviou un escrito á Subdirección Xeral de Cooperación Internacional, na que se queixa da falta de colaboración de Estados Unidos na causa. Ademais, as informacións sobre a posíbel eliminación do concepto de "xustiza universal" da lexislación española levou a familia de José Couso a asegurar que levará aos tribunais calquera tentativa do goberno neste sentido, pois significaría acabar coa investigación xudicial deste caso.

Documentación