O webinar sobre ciberseguridade do CPXG salientou os aspectos desta cuestión menos tratados polos medios

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, PuntoGal e a Global Cyber Alliance (GCA), co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, e o Nodo Galego de Ciberseguridade, celebraron hoxe a súa xornada formativa sobre ciberseguridade. Carlos Seisdedos, Pablo López-Aguilar e Alejandro Fernández-Cernuda puxeron o foco nalgúns dos aspectos menos tratados da cobertura informativa desta temática, como a debilidade intrínseca das infraestruturas, as mudanzas que se están a dar na gobernanza mundial da seguridade na rede ou a falsidade dalgunha das crenzas máis extendidas entre usuarios e usuarias. 

Na mañá deste mércores 20 celebrouse o webinar Cara a un novo xeito de falar de ciberseguridade: nomes, números e rutas, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, PuntoGal e a Global Cyber Alliance (GCA), co apoio do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, e o Nodo Galego de Ciberseguridade. O curso de formación contou coa participación de Carlos Seisdedos, investigador e analista de intelixencia en seguridade internacional e ciberseguridade, Pablo López-Aguilar,  director asociado do programa de de seguridade da Global Cyber Alliance, e Alejandro Fernández-Cernuda, director de compromiso do programa de integridade na internet na GCA, e estivo presentado por Valeria Pereiras, membro da Xunta de Goberno do CPXG.

Carlos Seisdedos comezou a xornada realizando unha reflexión sobre o tratamento mediático da ciberseguridade, a partir da cobertura do caso Alcatec, no que participou persoalmente. Seisdedos felicitou os medios polos avances realizados, especialmente no que fai ao abandono dun tratamento sensacionalista, pero apuntou tamén algunhas mudanzas que siguen a ser necesarias, como evitar a romantización dos delitos cibernéticos (chamando a substituír o uso do témino hacker por ciberdelincuente), evitar informacións que poidan favorecer a quen delinque ou facer un seguimento que vaia alén dos ataques realizados e se faga tamén eco dos que se puideron parar. Rematou a súa intervención facendo finacapé no papel do factor humano na ciberseguridade, especialmente no relativo á gobernanza e protección das infraestruturas, un aspecto que ás veces é esquecido na cobertura mediática.

Pablo López-Aguilar centrou a súa intervención na introdución aos compoñentes das infraestruturas de Internet, así como aos principais tipos de ataques que se dirixen a cada un deles, describindo os distintos conceptos básicos de ciberseguridade que están recollidos no glosario publicado por PuntoGal. Tamén desglosou que al en algunos mitos que tenden a repetirse na cobertura de noticias de ciberseguridade, como o do hacker solitario (fronte á gran industria do crime cibernético), o da suposta seguridade que garante o candado que se ve na meirande parte das páxinas web (fronte ao que realmente significa esa icona: que a información viaxa cifrada) ou a idea de que o elo máis débil da cadea de internet sexan os usuarios e as usuarias, cando o é a infraestrutura a que é intrinsecamente debil, e até as persoas máis expertas poden ser vítimas de ciberataques.

Por último, Alejandro Fernández-Cernuda centrouse no ecosistema colaborativo que protexe Internet, lembrando o obxectivo primeiro da GCA: reducir o risco cibernético fornecendo aos usuarios e usuarias, o primeiro elo da ciberseguridade, de utensilios como a caixa de ferramentas para xornalistas. Fernández-Cernuda repasou o labor da GCA e o estado da cuestión dos sectores implicados, como o debate sobre a mitigación do abuso de dominios, as novas regulacións europeas para os dispositivos interconectados e a falta dun enfoque unificado sobre o tráfico malicioso na rede, o avance do proxecto MANRS ou, no ámbito estatal, o feito de que España sexa o único país cun servizo telefónico de atención ás vítimas da ciberdelincuencia, o 017. Nese sentido, apuntou que se están dando movementos que apuntan cara a un cambio de ciclo, como o fomento da autorregulación, a colaboración internacional ou os límites ás grandes compañías. Mudanzas relacionadas coas infraestruturas que non sempre consiguen trascender aos grandes medios. 

No debate final, xurdiron algúns temas de fondo sobre a cobertura mediática da ciberseguridade como o papel que os medios deben ter na formación nesta cuestión ou a súa responsabilidade na propagación de mitos, o problema de convertir en atractiva a información en atractiva para os usuarios e usuarias ou a confrontación que moitas veces se presenta entre inmediatez e fiabilidade. Con todo, salientouse tamén que existe tamén moita información ben feita sobre ciberseguridade, destacando especialmente, na opinión de Fernández-Cernuda, aquela referida ao desmantelamento de redes de ransomware ou á gobernanza e acordos internacionais. Información que moitas veces realizan xornalistas especializados no ámbito policial e político, o que reflicte unha vez máis que a ciberseguridade non é algo exclusivamente técnico e que afecta a moitos aspectos da nosa sociedade. 

A gravación do webinar e os materiais complementarios están xa dispoñibeis na plataforma de formación do Colexio de Xornalistas, para que poidan ser consultados de maneira gratuíta por todas aquelas colexiadas e colexiados que o desexen. 

Sobre o Colexio de Xornalistas

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) é unha entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia que suma máis de 1.100 colexiadas e colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que as e os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega. Para máis información: xornalistas.gal

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 6.900 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.

Sobre AETG-COETG

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia foi constituída co obxecto social de velar polo prestixio dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar e estreitar os lazos de unión e compañeirismo entre estes, contribuír ao desenvolvemento e progreso da comunidade autónoma de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional e á súa integración nos mercados de traballo e a organización e concurrencia a congresos nacionais e internacionais.

Sobre a Global Cyber Alliance

A Global Cyber Alliance é unha iniciativa internacional e intersectorial dedicada á misión de reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado no que vivimos. Para iso, unimos comunidades de todo o mundo baixo a nosa misión, implementamos solucións concretas e medimos os resultados. A GCA, constituída como unha empresa 501 (c) (3) nos Estados Unidos e como unha organización sen ánimo de lucro no Reino Unido e Bélxica, foi fundada en setembro de 2015 pola Oficina do Fiscal de Distrito de Manhattan, pola policía da cidade de Londres e o Centro de Seguridade en Internet. Para máis información: globalcyberalliance.org.

Sobre ciber.gal

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal é un espazo de colaboración público-privado constituído pola Amtega, o CCN, o INCIBE, as catro Deputacións Provinciais de Galicia e a FEGAMP. Ademáis dos seus membros fundadores, conta con preto de 50 entidades públicas e privadas adheridas ao mesmo. Grazas á coordinación e posta a disposición dos recursos dos seus fundadores e colaboradores, CIBER.gal traballa para deseñar e executar iniciativas para tres colectivos esenciais: a cidadanía, o tecido empresarial e a administración pública. Todas elas teñen como fin mellorar o nivel de ciberseguridade na contorna dixital galega, sensibilizar, capacitar e formar sobre a importancia da ciberseguridade a tódolos niveis e promocionar a industria galega neste eido. Para máis información: ciber.gal.

CPXG