O martes 3 de maio entrégase en Ferrol o XII Premio José Couso

O vindeiro martes 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa, van ter lugar en Ferrol os actos de entrega da XII edición do Premio José Couso. O premiado deste ano é o xornalista Miguel Ángel Aguilar.

Os actos van dar comezo ás 12.00 horas da mañá coa recepción no Concello co alcalde e os representantes dos grupos municipais e a sinatura no libro de honra da cidade. A continuación celebrarase unha rolda de prensa no Salón de Recepcións coa intervención do premiado, Miguel Ángel Aguilar; o presidente do Club de Prensa de Ferrol, Siro López;  o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Xosé Manuel Pereiro; o Director territorial de ‘la Caixa’ en Galicia, Marc Arthur Benhamou; e o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez Fernández. Ás 13:00 horas realizarase a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ no Cantón de Molíns.

A partir das 20:00 celebrarase o acto de entrega no Teatro Jofre, que, como cada ano, vai ir acompañado do Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo de Nani García Trío. Encabezado por Nani García ao piano, e con Simón García ao contrabaixo e Miguel Cabana á batería, esta formación recupera o formato emblemático do proxecto co que nos anos 80 o pianista e compositor coruñés renovara o panorama do jazz galego.

Web do Premio José Couso de Liberdade de Prensa

 

CPXG